O Ciclo de Imaxe e Son de Noia (impartido no IES Virxe do Mar) continúa reforzando a súa aposta pola formación audiovisual coa incorporación de dúas novas instalacións de vangarda: a Aula Escenario e o Taller, dous espazos deseñados para ofrecer unha formación totalmente práctica, actualizada e adaptada ás necesidades reais da industria actual.
Segundo informan, a principal novidade para este curso é a posta en marcha da Aula Escenario, un espazo versátil que funciona como estudo de televisión e sala de DJ, equipado con tecnoloxía de última xeración.
Entre os seus recursos destacan cámaras, sistemas de iluminación e proxectores robotizados, pantalla de croma, equipos de proxección visual e sistemas de mapping, permitindo ao alumnado traballar en contornas idénticas ás que atopará no ámbito profesional.

Os responsábeis do ciclo sinalan que “coa suma do novo Taller, amplíanse drasticamente as posibilidades de aprendizaxe práctica e experimentación técnica dos estudantes, onde poden compoñer circuítos eléctricos e reparar cables”.
Estes espazos súmanse a outros tamén remodelados, como o estudo de fotografía e o de pódcast.
Ao superar estes estudos, o alumnado obtén a titulación oficial de Técnico/a en Vídeo, Disc-jóckey e Son, un perfil polivalente e cunha crecente demanda no mercado laboral para traballar en televisión, produción audiovisual, eventos, iluminación, son, creación de contidos dixitais e novas tecnoloxías multimedia.
O prazo de admisión para o curso 2026-2027 permanecerá aberto do 15 ao 30 de xuño ás 13:00 horas, período no que as persoas interesadas poderán solicitar a súa praza nesta formación especializada.

Xornada de Portas Abertas
Para dar a coñecer as novas instalacións e resolver calquera dúbida sobre os estudos, o Ciclo de Imaxe e Son de Noia celebrará unha Xornada de Portas Abertas este xoves, 18 de xuño, ás 17:00 horas nas instalacións do centro. Durante a visita, os asistentes poderán coñecer de primeira man os espazos e probar os equipos de vídeo, iluminación, DJ, podcast e produción audiovisual, ademais de falar directamente co profesorado e o alumnado do ciclo.
Correo electrónico: imaxeesonnoia@gmail.com.




