O Arcebispado de Santiago asume a titularidade do Colexio A Milagrosa – Josefa Sobrido de Oleiros (Ribeira)

04 Xuño 2026

O Arcebispado de Santiago de Compostela e as Fillas da Caridade de San Vicente de Paúl alcanzaron un acordo para o cambio de titularidade do Colexio A Milagrosa – Josefa Sobrido, situado en Oleiros-Ribeira, que pasará a integrarse na Fundación Ultreia, recentemente constituída polo Arcebispado.

Este acordo é froito “dun proceso de diálogo e reflexión compartido entre ambas as institucións”, desenvolvido desde unha vontade común: garantir a continuidade, estabilidade e fortalecemento do proxecto educativo, pastoral e social que o centro educativo vén ofrecendo desde hai máis dun século ao servizo das familias e da sociedade de Oleiros, do concello de Ribeira e da comarca do Barbanza.

Explican que a decisión responde tamén “á realidade actual da Compañía Fillas da Caridade, cuxa escaseza de vocacións provoca a dificultade de substitución”, e nace desde “o compromiso responsábel de asegurar o futuro da obra educativa, preservando a súa identidade, os seus valores e a súa presenza na zona”.

Josefa Sobrido e 100 anos de traballo ininterrompido das Fillas da Caridade

A historia do Colexio está profundamente unida ao legado de dona Josefa Sobrido, cuxa visión e compromiso fixeron posíbel o nacemento desta obra educativa. Desde aquela primeira iniciativa marcada polo desexo de ofrecer unha educación próxima, humana e baseada en valores cristiáns, o centro foi medrando ata converterse nunha referencia educativa e social para Oleiros e a súa contorna. Neste proceso de crecemento e repercusión educativa e social foi clave, segundo recorda ao Arcebispado, “a permanencia e o traballo ininterrompido durante máis de 100 anos das Fillas da Caridade”.

E engaden as Fillas da Caridade: “Desexamos expresar o noso profundo agradecemento a todas as persoas que, ao longo dos anos, formaron parte da historia do colexio: irmás, equipos directivos, profesorado, persoal de administración e servizos, familias, alumnado e comunidade educativa en xeral; grazas á súa dedicación, entrega e compromiso foi posible construír unha obra educativa profundamente arraigada nos valores do Evanxeo, o servizo, a proximidade e a atención ás persoas máis vulnerables”.

De maneira especial, as Fillas da Caridade queren recoñecer o labor e a entrega de “tantas irmás que, xeración tras xeración, dedicaron a súa vida a esta misión educativa e humana, facendo do colexio un espazo de acollida, acompañamento e formación integral para miles de nenos, nenas e familias”.

O Arcebispado de Santiago de Compostela, a través da Fundación Ultreia, asume esta nova etapa “con responsabilidade, ilusión e vocación de continuidade”, segundo fixo saber, engadindo que “garantirase o mantemento do proxecto educativo e pastoral do centro, a estabilidade da comunidade educativa e máis o sostemento tanto da actividade educativa como das instalacións”.

Ambas as institucións comparten ademais “a vontade de preservar o carácter propio do colexio e manter viva unha misión educativa centrada na formación integral da persoa, o acompañamento próximo, a excelencia educativa e o compromiso cos valores humanos e cristiáns”.

Lembran que o colexio desenvolveu historicamente a súa misión educativa baixo o lema Saber máis para servir mellor, unha expresión que resume o espírito co que xeracións de educadores e educadoras entenderon o ensino: formar persoas comprometidas, preparadas e sensibles ás necesidades dos demais.

Tanto o Arcebispado de Santiago de Compostela como as Fillas da Caridade queren trasladar “unha mensaxe de tranquilidade, confianza e esperanza ás familias, profesionais e alumnado, reafirmando que este acordo nace co obxectivo de asegurar a continuidade e sustentabilidade futura dunha obra educativa profundamente vinculada á historia e á vida de Oleiros”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...