O 15 de xuño arranca o Pasaporte do Bo Rianxeiro (a ARE desvela “o segredo do alcalde”)

14 Xuño 2026

A recente campaña de intriga promovida pola Asociación Rianxeira de Empresas (ARE) espertou a curiosidade da veciñanza e converteuse nun dos temas de conversa da vila nos últimos días. A iniciativa incluíu o pegado de carteis dispostos en distintos puntos de Rianxo xerando unha pregunta que moitos intentaron responder: “O alcalde ten un segredo”.

A iniciativa, impulsada pola Asociación Rianxeira de Empresas (ARE), deu lugar a numerosas especulacións entre a veciñanza e converteuse así nun tema de conversa habitual. A repercusión da campaña chegou incluso ás páxinas de La Voz de Galicia, onde tamén se recolleron algunhas das teorías que circulaban arredor do misterioso segredo.

Este venres 12 de xuño a incógnita quedou resolta, segundo confirmou a ARE. O segredo do alcalde era o lanzamento do Pasaporte do Bo Rianxeiro, unha nova campaña de dinamización comercial que dará comezo o próximo 15 de xuño.

A iniciativa convida á veciñanza a percorrer os establecementos participantes, conseguir selos coas súas compras e completar un pasaporte que lles permitirá entrar no sorteo dun escaparate de premios cedidos polos establecmentos participantes socios da ARE. A campaña nace coa intención de “incentivar o consumo nos negocios locais e reforzar o vínculo entre a cidadanía e o tecido comercial da vila”, confirmou a patronal rianxeira.

O desenlace da acción desvelouse a través dun vídeo publicado nas redes sociais protagonizado polo alcalde de Rianxo, no que se revela que o seu segredo era precisamente a creación deste pasaporte. Na peza, o rexedor afirma que “Rianxo necesitaba un pasaporte como Deus manda”, unha mensaxe que resume o espírito da campaña.

A estratexia de comunicación foi ideada por Carla Da Silva, publicista e responsable de

mercadotecnia da ARE, apostando por unha campaña baseada na intriga para captar a atención da veciñanza antes da presentación da iniciativa.

Dende a Asociación Rianxeira de Empresas destacan que o Pasaporte do Bo Rianxeiro pretende “converter o apoio ao comercio local nunha experiencia participativa e divertida, ao tempo que reivindica o papel fundamental que desempeñan os negocios da vila na súa vida económica e social”.

O Pasaporte do Bo Rianxeiro estará dispoñíbel a partir do 15 de xuño nos establecementos adheridos á campaña. “Porque ser un bo rianxeiro tamén é apostar polos negocios da túa vila”, indica a ARE.

Outros artigos

A praia de Cabío converteuse nunha aula ambiental

A praia coñecida como Cabío acolleu este venres 10 de xullo unha actividade ambiental organizada polo Concello da Pobra do Caramiñal dentro da programación vinculada á Bandeira Azul deste areal. Desenvolvida pola asociación de educación ambiental Amabul, a Xincana...

+

Cabo de Cruz celebra do 15 ao 17 de xullo as Festas do Carme

O Concello de Boiro colabora coa Comisión das Festas do Carme de Cabo de Cruz no desenvolvemento das Festas do Carme 2026 que se celebran do 15 ao 17 de xullo. O alcalde, José Ramón Romero, participou este venres 10 de xullo na presentación da programación xunto co...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

“Etapas vitais” – José Manuel Pena

O verán é unha boa estación para o descanso, a lectura e a reflexión, sen esquecernos do goce da praia ou do monte, segundo as preferencias de cada quen. Cando miramos atrás dámonos conta da experiencia que adquirimos co paso do tempo e dos erros que cometemos, na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.