A Deputación da Coruña destacou en Outes o “impulso veciñal organizado” na recuperación das tradicións e na dinamización cultural. As deputadas de Cultura e Lingua, Natividade González e Sol Agra, reuníronse este luns 1 de xuño neste concello cunha representación da Asociación Veciñal Feira dos Carros de Cando, un encontro que lles permitiu coñecer máis de preto a súa actividade. As deputadas puxeron en valor o traballo da entidade, cun cento de persoas asociadas, sobre todo grazas ao pulo dunha xunta directiva en que é moi salientábel o papel de xente moza.
“Grazas ao seu empeño, este ano recuperaron a tradicional feira dos carros, que levaba máis de cincuenta anos sen celebrarse, cun rotundo éxito de participación”, subliñou Sol Agra.
“Para a Deputación da Coruña é moi importante seguir de preto, e apoiar no que sexa posíbel, entidades profundamente comprometidas coa cultura”, expresou Natividade González.
As deputadas tamén reivindicaron a importancia do tecido veciñal nos concellos da provincia da Coruña, especialmente nos rurais, subliñando o papel “esencial” que xogan para a dinamización social e cultural.




