A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, presidiu este martes 23 de xuño a reunión do Comité Provincial da Coruña de Coordinación Policial contra os Incendios Forestais para a campaña de alto risco, na que tamén participou a delegada territorial da Xunta en Ferrol, Martina Aneiros.

Este órgano está integrado por representantes, dos 5 distritos forestais de Ferrol, Bergantiños-As Mariñas, Santiago-Meseta Interior, Barbanza, e Fisterra, da Policía Autonómica (UPA), da Unidade de Investigación de Incendios Forestais UIFO, da Subdelegación do Goberno, Protección Civil, Policía Nacional e Comandancia da Garda Civil. Ambas delegadas fixeron un agradecemento especial a todas as persoas e equipos implicados na provincia na loita contra os lumes e puxeron en valor a súa implicación e responsabilidade.
No encontro, ao que tamén asistiu o subdelegado do Goberno, Julio Abalde, abordáronse distintas cuestións relacionadas coa prevención, investigación e extinción dos incendios forestais, co obxectivo de reforzar a coordinación entre administracións e avanzar na loita contra os lumes no territorio provincial.
Belén do Campo puxo en valor que a Xunta conta este verán na provincia da Coruña con 121 brigadas (Medio Rural, GES e concellos), 88 motobombas (Medio Rural, GES, concellos e parques comarcais), 4 bulldozer (Medio Rural) e 8 medios aéreos (Medio Rural – Estado). Ademais, destacou “que en total están mobilizadas máis de 1.300 persoas que participan na defensa contra incendios, pertencentes aos distintos dispositivos de Medio Rural, GES, concellos e parques comarcais”.
Durante a reunión, o xefe do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais (SPIF), Guillermo Acebal, realizou unha análise detallada da evolución dos incendios rexistrados nos anos 2025 e no que vai de 2026, avaliando os principais focos, a superficie afectada e os tempos de resposta na extinción. Concretamente, na provincia da Coruña arderon 1.518 hectáreas en 2025.
Tamén se planificou a actividade de vixilancia preventiva para a campaña de alto risco deste ano, coordinando recursos humanos e técnicos entre os distintos corpos e administracións para, en palabras dos integrantes da mesa de traballo, “garantir unha resposta eficaz ante posíbeis emerxencias”. Así, estableceuse a distribución dos efectivos sobre o territorio, prestando especial atención ás áreas con maior incidencia deste tipo de episodios.
Outro dos puntos centrais da reunión foi a análise dos resultados das investigacións desenvolvidas polas forzas e corpos de seguridade do Estado, Policía Nacional e Garda Civil, Policía Autonómica e a Unidade de Investigación de Incendios Forestais UIFO sobre os incendios rexistrados o pasado ano e o que levamos ata agora, afondando na identificación das causas, autores e recorrencias, así como na evolución da actividade incendiaria nos diferentes distritos forestais da provincia.

A delegada da Xunta destacou a importancia da cooperación entre administracións e corpos de seguridade “para anticiparse, actuar con eficacia e, sobre todo, previr os incendios forestais que ameazan o patrimonio natural, a seguridade das persoas e o medio rural galego”. Neste sentido, salientou “o esforzo continuo da Xunta” na renovación dos vehículos e equipamentos destinados á loita contra os incendios forestais e lembrou que “dentro do marco de colaboración institucional realízanse simulacros para optimizar todos os recursos humanos e materiais, sendo o máis recente o desenvolvido no concello de Fisterra o 28 de maio”.
Belén do Campo tamén recordou a estratexia reforzada de aldeas preparadas fronte ao lume mediante charlas informativas e accións de sensibilización dirixidas aos concellos informando das parroquias priorizadas e zonas de alta actividade incendiaria. Concretamente, a delegada da Xunta destacou que desde o 2014 que a provincia contaba con 13 parroquias de alta actividade incendiaria en 13 concellos e no pasamos no 2026 a 4 parroquias en 3 concellos.
Destacou ademais que a Consellería do Medio Rural continúa desenvolvendo o convenio para a xestión da biomasa nas faixas secundarias, subscrito coa empresa pública SEAGA, co obxectivo de “facilitar aos concellos e ás persoas propietarias o cumprimento das súas obrigas legais de limpeza e mantemento das franxas próximas ás vivendas”.
Este convenio conta este ano cun orzamento de 25 millóns de euros, o dobre que no exercicio anterior, e xa suma a adhesión na provincia da Coruña 90 dos 93 municipios
Visitas Muros, Carnota, Lousame e Rianxo
Ademais, no encontro de traballo lembrou as visitas realizadas recentemente aos concellos de Muros e Carnota, e Lousame e Rianxo para supervisar sobre o terreo os avances dos traballos de prevención de incendios forestais, unhas actuacións que cualificou como “fundamentais para reforzar a seguridade do territorio de cara á campaña de alto risco do verán”. Estas actuacións, dixo, teñen como obxectivo crear e manter infraestruturas estratéxicas que contribúan á defensa dos montes galegos. Belén do Campo puxo en valor “o traballo desenvolvido polo persoal dos distritos forestais, que realizan actuacións moi diversas como a mellora e limpeza de depósitos de auga, rozas, mantemento de pistas forestais ou queimas prescritas, algunhas delas xa concluídas”.
Belén do Campo lembrou que, aínda que unha parte importante destas actuacións corresponde ás persoas propietarias das fincas e do monte, a Xunta realiza cada ano “un importante esforzo inversor nas actuacións preventivas propias”, complementadas con traballos similares nos distintos distritos forestais da provincia e do conxunto de Galicia.
Salientou tamén que a Xunta incrementou nun 50 % o orzamento destinado á prevención dos incendios forestais con respecto ao exercicio anterior, acadando os 75,38 millóns de euros. “Grazas a este investimento, está previsto actuar ao longo de 2026 en preto de 34.000 hectáreas en toda Galicia mediante diferentes actuacións silvícolas e preventivas”, dixo, engadindo que “entre estas medidas inclúense traballos en áreas cortalumes, creación e mantemento de faixas auxiliares, mellora de pistas forestais, queimas prescritas e colaboracións coas entidades locais”.
Precaución cidadá
No marco deste comité, Belén do Campo apelou tamén á responsabilidade cidadá para extremar as precaucións e reiterou a importancia de denunciar calquera actividade delituosa que poña en perigo a riqueza forestal galega, lembrando que tres de cada catro incendios son intencionados.
A delegada recordou que a Xunta pon á disposición da cidadanía o teléfono gratuíto 085, ao que se debe chamar en caso de detectar un incendio forestal, así como o número anónimo e gratuíto 900 815 085 para comunicar calquera actividade incendiaria sospeitosa. Ademais, pola súa banda a delegada da Xunta de Ferrol, Martina Aneiros, lembrou que exite unha aplicación especifíca ALUME para avisar sobre os incendios forestais.
Ademais, Belén do Campo fixo un chamamento especial á cidadanía para a celebración do San Xoán para que se extremen as precaucións e se eviten riscos



