Mar habilita unha nova normativa que axiliza o acceso ás titulacións profesionais de mariñeiro pescador e patrón

21 Xuño 2026
Estudantes das ditas titulacións acompañados pola conselleira do Mar e o alcalde do Porto do Son, Luis Oujo

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicará este luns, 22 de xuño, a nova orde da Consellería do Mar pola que se regula o procedemento para a obtención das titulacións profesionais de mariñeiro pescador, patrón local de pesca e patrón costeiro polivalente. Esta nova regulación que entra en vigor supón en palabras da Consellería “unha modernización integral do marco formativo náutico-pesqueiro tras case doce anos de vixencia da normativa anterior de 2014”.

En palabras da Consellería, o obxectivo principal do departamento que dirixe Marta Villaverde é “dar un impulso decidido á remuda xeracional nas tripulacións e facer fronte á demanda de man de obra no sector”. Co deseño desta folla de ruta, elaborado en estreita colaboración cun grupo de traballo do profesorado dos centros públicos de ensinanzas náutico-pesqueiras autonómicas, o Executivo galego tomou a determinación de “adaptar as esixencias ás demandas reais de competitividade do mercado e flexibilizar as trabas administrativas que dificultaban o acceso ás profesións do mar”.

A principal novidade técnica do texto normativo radica na redución da duración do curso para obter a titulación de mariñeiro pescador, que diminúe de 50 a tan só 23 horas lectivas, repartidas en 15 horas de coñecementos teóricos e 8 horas de contidos prácticos. Ata o de agora, Galicia mantiña o curso máis longo de todo o territorio nacional, o que restaba competitividade aos profesionais galegos dado que calquera título emitido noutra comunidade autónoma ten plena validez en todo o Estado.

A Consellería de Mar destaca tamén a súa “aposta por captar talento novo e acelerar a incorporación ao sector”, de aí que a orde elimine a esixencia de ter cumpridos os 16 anos de idade para poder acceder á formación así como os 18 anos no caso dos cursos de patrón Local de Pesca e Patrón Costeiro Polivalente. Con esta modificación, os interesados poderán matricularse e completar os ciclos formativos de xeito anticipado, esixíndose o cumprimento estrito da idade legal unicamente na data de realización do exame ou proba libre de aptitude, que abre as portas á obtención da tarxeta profesional.

Ademais, en consonancia coa estratexia de simplificación administrativa e diversificación cultural da poboación que desexa elixir o mar como forma de vida, a Xunta suprime a obrigatoriedade de achegar certificados de alfabetización ou ensinanzas básicas iniciais de nivel 1 para o título de mariñeiro. A partir de agora, abondará cunha declaración responsable no formulario de inscrición que certifique que a persoa posúe os coñecementos básicos. Do mesmo xeito, para facilitar a inserción regular de traballadores estranxeiros, permitirase formalizar a matrícula presentando a copia do pasaporte naqueles casos nos que o solicitante aínda non dispoña de NIE.

O novo marco tamén refunde a oferta formativa ordenando dúas vías claras de aprendizaxe: os cursos integrados nos centros públicos dependentes da propia Consellería do Mar, e aqueles programados por entidades públicas ou privadas debidamente autorizadas pola Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro. A regulamentación, que abre a porta á modalidade de teleformación con controis de rendemento do alumnado, resolve un baleiro legal histórico ao fixar con total nitidez as titulacións esixidas para os docentes externos.

Para evitar calquera xurdimento de dúbidas, establécese que o profesorado deberá dispoñer obrigatoriamente de atribucións superiores ao curso que vaia impartir —coa especialidade de ponte ou máquinas segundo corresponda— ou ser diplomado, licenciado ou graduado nos estudos da mariña civil.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Errar es de humanos” – José Antonio Constenla

“Errar es de humanos” – José Antonio Constenla

Decía Séneca que “errar es humano” y por tanto, si esto fuese así, uno podría concluir que “no errar será de no humanos”. Dos mil años después, esta premisa necesita una actualización y no porque haya dejado de ser cierta, sino porque ya empieza a haber quien, con...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.