Ribeira despediu o mes de maio coa segunda limpeza de costa en Corrubedo promovida polo Concello xunto co centro de formación deportiva local Grip Surf School, ademais doutras entidades. Esta acción medioambiental permitiu liberar o tramo comprendido entre A Ladeira ata case Balieiros de dúas toneladas de lixo entre plásticos, bidóns de aceite e outros residuos. Nesta xornada participaron unhas 150 persoas voluntarias que botaron unha man para o acondicionamento da contorna marítima desta parroquia ribeirense á que tamén se sumaron a alcaldesa, María Sampedro; o concelleiro de Mar e Promoción do Litoral, Fernando Abraldes; e o seu homólogo de Medio Ambiente, Víctor Reiriz.




