O rianxeiro Erik Martin álzase co título de Campión de Europa en Kung-fu

18 Maio 2026

O rianxeiro Erik Martin Bai regresou de Lyon (Francia) a semana pasada proclamándose Campión de Europa no XX Campionato Europeo de Wushu-kung fu pola federación internacional (WKFE /IWUF).

Este mozo rianxeiro de tan só 13 anos foi convocado hai uns meses pola selección española e regresa agora a Galicia triunfante cun resultado de 2 ouros e 1 prata.

En 2025 e con tan só 12 anos xa foi Subcampión de Europa, pero Erik, coa axuda e apoio total do seu adestrador, Daniel Martin, tomou a determinación de prepararse ao máximo para dar vida ao soño de chegar a ser Campión de Europa sen reparar en canto tempo e esforzo debía adicar a este importante logro deportivo.

Os últimos dous meses Erik preparouse fisicamente con 4 horas diarias de intensivo adestramento ao máximo nivel, sacando tempo de calquera momento libre do seu xa ocupado día, e o resultado desta férrea vontade de superación foi que se impuxo en terras galas con tres vertixinosas puntuacións de máis de 8,4 puntos nas 3 categorías nas que competiu, puntuacións que foron as máximas no seu rango de idade, polo que lle confiren co máximo nivel puntuado entre os deportistas dos 26 países participantes.

Cunha participación de 1.455 atletas, destacaron excelentes deportistas procedentes dun amplo abano de países como Ucraína, Xeorxia, Alemaña, Armenia ou Reino Unido, e así ata 26 países presentes nesta competición. Pero esta vez o rianxeiro ía a por todas e demostrou a súa valía proclamándose dobre Campión de Europa con 2 ouros e ademais unha medalla prata coa que estivo a rentes de conseguir o terceiro ouro.

En febreiro Erik foi nomeado polo Consello Superior de Deportes como Deportista de Alto Nivel, máximo nomeamento institucional deportivo que foi solicitado desde a Federación Española de Judo.

O seu adestrador Daniel Martín explica que “malia que Erik é un rapaz que estuda 2º da ESO, foi quen de acumular unha sobrada pericia durante unha década de traballo, unha experiencia que se remonta a cando tiña tres anos e se iniciou no Kung-Fu, realizando galas e espectáculos con só cinco anos”. Martín lembra que “con 9 anos xa se consolidou como Campión de España en Navarra, ao que sumou varios títulos internacionais en Grecia e Belgica ou os tres campionatos máis recentes de España en Madrid”.

Erik é o atleta máis novo convocado para a selección española, e suma dende 2022 uns resultados de 22 ouros, 4 pratas e 1 bronce

Como dixemos, iniciouse no Kung-fu con 3 anos de idade co seu actual adestrador, o seu pai, quen continúa dirixindo a súa aprendizaxe técnica e adestramentos.

“E é que Erik desde moi novo xa manexaba unha decena de armas como a lanza, o pau, o sabre, o pau de 3 seccións, o látego, o abanico, a espada ou os dobres sabres entre outras armas que manexa desde moi pequeno. Especializouse no estilo da barbantesa (mantis relixiosa) e no estilo do loitador bébedo”, engade Martín, lembrando que Erik agradece aos veciños non só de Rianxo senón de toda Galicia o apoio e ánimos que lle deron nos últimos meses, cando tivo dúbidas de se podería cumprir o seu soño de chegar a ser Campión de Europa oficial.

Tamén ten palabras de agradecemento ao Restaurante Aghro da corna, que é o seu patrocinador e en todo momento creu nel.

Recentemente a Comisión de Valoracións da Federación de Judo nomeou a Erik como Mellor Deportista 2025 de Galicia, galardón que ostentará oficialmente nun acto de homenaxe en Sanxenxo o próximo 13 de xuño onde recollerá o diploma de Cinto de Ouro sendo a máxima distinción pola Federación de Judo como recoñecemento a competidores de alto nivel internacional.

A vindeira cita á que acudirá será a final de maio no Torneo internacional de Maia (Portugal) e o ano próximo participará no Campionato do Mundo na China para medirse cos mellores.

Outros artigos

Este xoves 11 teremos ceos con nubes altas e unha suba das temperaturas

Galicia vivirá este xoves 11, San Bernabé, unha xornada marcada pola estabilidade atmosférica, coa influencia anticiclónica e a entrada dunha masa de aire cálido procedente de latitudes inferiores. Agárdanse ceos con nubes altas, aínda que estas non impedirán o paso...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

“La ley seca en Riazor”. José Castro López

Acabó la temporada futbolística y, con ella, las alegrías, las decepciones, los ascensossoñados y los descensos temidos. Pero cuando el balón deja de rodar queda tiempo parareflexionar sobre algunas cosas que ocurrieron en los estadios y que merecen unareflexión.Una...