O Concello de Lousame abrirá do 1 ao 7 de xuño o prazo de inscrición para participar no programa Lousame Concilia Verán 2026, unha iniciativa para a conciliación da vida familiar e laboral que se desenvolverá durante os meses de xullo e agosto e que chega con dúas importantes novidades: por primeira vez vai ser totalmente gratuíto para as familias de Lousame e o período de inscrición estará aberto unicamente a menores empadroados no municipio. Só no caso de non cubrirse as prazas, abriríase un segundo prazo para menores non empadroados en Lousame.

A iniciativa foi presentada polo alcalde de Lousame, Esteban Ares García, e a concelleira de Cultura e Servizos Sociais, Silvia Agrafojo.
“O Concello de Lousame implícase na conciliación familiar, tan necesaria para as familias sobre todo coa chegada da época estival e nunha sociedade no que ás veces é complicado conciliar a vida laboral e familiar”, sinalou Esteban Ares, para quen “é un orgullo poder dicir que este ano, por primeira vez, o Lousame Concilia Verán vai ser totalmente gratuíto para todas as familias grazas a unha achega do Concello de Lousame, que se suma á da Xunta de Galicia e o Ministerio de Igualdade”.
O alcalde apuntou que “o noso compromiso é seguir mantendo e seguir axudando aos pais e nais para que teñan fillos neste concello, facilitándolles a conciliación e facendo todo o posible para que criar fillos aquí sexa algo máis sinxelo”. Deste xeito, o Concello de Lousame asumirá o gasto de 15 euros mensuais por neno ou nena que se anote a este servizo de conciliación.
“É un orgullo poder dispoñer de tantos programas de conciliación, tanto para maiores como para nenos, porque o Lousame Concilia témolo durante todo o ano e agora no verán é incluso máis necesario. É unha tranquilidade deixar aos nenos con monitores profesionais e sabendo que pasan a mañá facendo actividades divertidas e pasándoo ben. Únese a outros servizos como as Leisure Activities e o campamento do Verán Activo”, puntualizou Silvia Agrafojo.
Lousame Concilia Verán 2026 é un programa dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 16 anos de idade, que desfrutarán de divertidas actividades nas instalacións do CPI Cernadas de Castro durante os meses de xullo e agosto, en horario de 9:30 a 14:30 horas. O prazo de inscrición estará aberto do 1 ao 7 de xuño para menores empadroados en Lousame. De non cubrírense as prazas, abriríase unha segunda quenda para non empadroados.
Para anotarse só hai que cumprimentar e entregar o impreso correspondente, que poden recoller nos Servizos Sociais de Lousame ou descargar na web municipal, así como achegar a documentación correspondente. Máis información nos Servizos Sociais de Lousame, no 981 820 494 ou no 689 126 385.
Lousame Concilia está organizado pola Concellería de Igualdade de Lousame e conta coa colaboración da Consellería de Política Social e Igualdade e do Programa Corresponsables, do Ministerio de Igualdade.



