O Ciclo Mestre Mateo volve á provincia co apoio da Deputación (con Boiro novamente entre as sedes das proxeccións)

13 Maio 2026

A deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González, e a presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, presentaron este mércores 13 de maio, no Pazo Provincial, unha nova edición do Ciclo Mestre Mateo na provincia. Grazas a este circuíto, algunhas das producións máis destacadas do audiovisual galego achegaranse ao público de concellos sen salas comerciais.

Os concellos de Arzúa, Boiro, San Sadurniño, Betanzos, Cedeira e Zas acollerán as proxeccións desta nova edición do ciclo. As persoas interesadas poderán ver un total de oito títulos: Sirât, As liñas descontinuas, Antes de nós, San Simón, 360 curvas, O son da nova regueifa, Deuses de pedra e O silencio herdado.

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou “a vontade da Deputación da Coruña de seguir achegando a cultura á cidadanía e de continuar facendo do audiovisual galego unha ferramenta de cohesión cultural e social.

A deputada sinalou ademais que “o Ciclo Mestre Mateo é unha magnífica oportunidade para poñer en valor o talento creativo do noso país e para apoiar unha industria audiovisual que vive un momento especialmente destacado”.

Pola súa parte, Lucía Veiga destacou “a importancia de continuar levando o cinema galego a todo o territorio, especialmente a aquelas localidades que non contan cunha programación audiovisual estábel”.

Ademais, sinalou que “o Ciclo Mestre Mateo segue a consolidarse como unha oportunidade para achegar ao público as producións máis destacadas do audiovisual galego recente e fortalecer o vínculo da cidadanía coas historias feitas desde Galicia”.

O Ciclo Mestre Mateo, creado pola Academia Galega do Audiovisual en 2022 co apoio das deputacións provinciais, consolidouse como un proxecto clave para levar o cinema galego de calidade a vilas sen salas comerciais, creando unha rede de exhibición en centros culturais, auditorios e bibliotecas por toda Galicia.

Ao longo das súas edicións, o ciclo contribuíu a facer accesíbeis producións destacadas do audiovisual galego, superando as limitacións dos circuítos comerciais e reforzando o vínculo da cidadanía co seu propio cinema. Durante estes anos na provincia da Coruña participaron xa 13 concellos, con 32 películas proxectadas, 171 sesións de cinema e un total de 5.238 espectadores e espectadoras.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...