Mar e a Confraría de Pescadores de Noia colaborarán na restauración dos bancos marisqueiros da entidade

20 Maio 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, e o patrón maior da Confraría de Pescadores de Noia, Santiago Cruz, asinaron este mércores 20 de maio o convenio de colaboración para o desenvolvemento do proxecto de restauración de hábitats e zonas de produción marisqueira da entidade. Este acordo, dotado con preto de 1,6 millóns de euros, é o primeiro dos convenios bilaterais que a Xunta formalizará coas entidades do sector para paliar os efectos dos temporais e a baixada de salinidade.

A titular de Mar subliñou que a Administración autonómica sufraga na súa totalidade o plan de recuperación proposto pola propia confraría. “A Xunta pon así os recursos para dar resposta ás necesidades específicas recollidas no plan de restauración dos bancos, elaborado pola entidade, que é a que establece a magnitude e contía económica final necesaria”, explicou Villaverde, quen puxo en valor este “modelo de cogobernanza que preside a política pesqueira na nosa comunidade, no que Administración e sector imos da man”.

O convenio asegura, ademais da rexeneración biolóxica, un compoñente social fundamental. A conselleira destacou que, a través deste investimento, “garántese que as persoas afectadas polo cese de actividade teñan agora unha alternativa e unha fonte de ingresos mentres recuperan o seu medio de vida”.

O proxecto no esteiro do Tambre e na enseada de Esteiro contempla a participación progresiva de ata 200 persoas mariscadoras, que desenvolverán tarefas esenciais para devolver aos areais a súa máxima produtividade.

Entre as accións previstas atópase a retirada de algas e cunchas, os rareos e traslados de especies comerciais, e un control exhaustivo de depredadores.

Así mesmo, o plan recolle a sementeira de 8 millóns de unidades de ameixa no banco de Misela I durante este ano, aos que se sumarán outros 2 millóns en 2027, xunto con labores continuas de vixilancia e mostraxe das zonas produtivas.

Esta sinatura enmárcase no plan de recuperación global dotado con preto de 23 millóns de euros pola Xunta de Galicia. Deste orzamento, 19,2 millóns destínanse a convenios directos coas confrarías afectadas; un traballo conxunto que continuará nas vindeiras semanas coa sinatura dos acordos co resto de entidades.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...