
O tenente de alcalde do Concello de Noia, Manuel Seijas (Marea de Noia), pronunciouse este mércores 6 de maio con motivo da intención da Xunta (Consellería de Economía) de reactivar o proxecto mineiro de San Fins (Lousame), entre outras explotacións, cos riscos ambientais para a ría de Muros e Noia que esta reactivación implicaría e cos novos obstáculos que se porían en xogo para a cada vez máis complexa recuperación do marisco e do peixe, sinalou.
“Imos ir aos tribunais e contratar a mellor asistencia técnica que sexa posíbel. Non imos hipotecar o futuro da nosa ría”, dixo, diante do que considera unha “ameaza ambiental”: a reapertura da mina de San Fins para a ría de Muros e Noia e para centos de familias que viven do mar.
“Este non é o anterior goberno cómplice das políticas devastadoras da Xunta de Galicia”, apuntou, engadindo que “este é un goberno que vai poñer os intereses de Noia por enriba de calquera cousa e que non vai permitir que nin un só litro de de auga contaminada chegue á nosa ría”.
E concluíu: “Desde a Marea de Noia defenderemos con todos os medios legais, técnicos e políticos o noso mar, o marisqueo e o futuro do noso pobo”.





