José Luís Veiras Manteiga doa ao Concello de Lousame 60 obras gráficas orixinais e inéditas da súa autoría

13 Maio 2026

“Hoxe é un día histórico para o Concello de Lousame porque un dos artistas máis importantes dos que aquí residen e fillo adoptivo do municipio quixo deixar a súa obra de forma altruísta para desfrute dos nosos veciños e veciñas”. Son palabras do alcalde de Lousame, Esteban García Ares, xusto antes de asinar este mércores 13 de maio o convenio de doazón ao Concello de Lousame de 60 obras gráficas orixinais e inéditas de Veiras Manteiga.

O rexedor estivo acompañado polo propio autor, residente na parroquia de Camboño (Lousame), e pola concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, xunto aos xestores culturais municipais Eduardo Agraso e Teresa Baluja, quen deron testemuño e confirmaron a cesión das obras.

“É un orgullo recibir esta doazón dun artista de renome como é Veiras Manteiga, a quen lle damos as grazas pola súa xenerosidade e por estar sempre dispoñíbel para apoiar as actividades culturais que promovemos dende o Concello”, apuntou García Ares, quen sinalou que “agora temos a obriga de rehabilitala, coidala e poñela en valor para darlle a difusión que merece para que todos os veciños e veciñas, tanto de Lousame como da comarca, poidan coñecela”.

Pola súa banda, Veiras Manteiga agradeceu a colaboración do Concello de Lousame e salientou que “os concellos pequenos e rurais tamén teñen dereito a acceder á cultura e a todas as actividades relacionadas con ela. Quero que o Concello onde estou encantado de vivir teña unha sala que expoña unha obra de 54 anos. Que a xente a vexa e opine, porque hai diferentes estilos, diferentes técnicas porque é un compendio de 54 anos de traballo e non fixen sempre a mesma cousa”.

Lembrar que o pasado mes de decembro Esteban García Ares xa anunciara que o Concello de Lousame estaba comezando a traballar na posta en marcha dun museo que recolla as obras de José Luís Veiras Manteiga, así como as do outro fillo adoptivo de Lousame, o fotógrafo Alfonso Costa, para “que tiveran o espazo que merecían e puideran ser desfrutadas por todos os veciños e veciñas”.

O alcalde lousamiá lembrou tamén que este proceso xurdiu o pasado 7 de agosto de 2025, data na que Veiras Manteiga foi nomeado fillo adoptivo do Concello de Lousame e expresou verbalmente a súa vontade de doar de maneira incondicional e gratuíta obras da súa autoría realizadas en papel ao Concello de Lousame, “sendo a súa intención chamar a atención sobre a vinculación histórica do Concello coas fábricas de papel e con Domingo Fontán”, recordou García Ares.

Obra doada

O conxunto de obras motivo da doazón está composto por 60 pezas, todas obra de Veiras Manteiga, cuxas datas de execución abranguen dende 1971 ata o ano 2025.

Todas elas están realizadas en soporte papel e as súas medidas son moi variadas: dende o pequeno formato de 0,17 x 0,21 metros ata a máis grande de 1,20 x 0,80 metros. Como técnicas, o autor emprega dende o rotulador e o lapis, á tinta chinesa, a acuarela, o acrílico, a sanguina, as tintas e tamén técnicas mixtas.

Así mesmo, Veiras Manteiga fixo hoxe entrega aos xestores culturais do Concello de Lousame dun dosier no que aparecen as obras numeradas, documentación fotográfica de cada unha delas, así como unha información detallada sobre as mesmas (autor, título, ano de execución, técnica e medidas).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...