“Alfredo Conde, señor de Brión”. Xosé Perozo

08 Maio 2026

A tropa habitual da Asociación de Periodistas de Galicia e acompañantes o pasado martes fómonos ata Brión para arroupar a Alfredo Conde na entrega do XI Premio José Luis Alvite de xornalismo. El vive por aquelas fermosas terras de Santiago e asegura que é o lugar onde máis tempo leva apousentada a súa paciencia de bo observador do mundo, practicante das letras e calibrador dos malos fumes da humanidade. Alfredo é escritor por vocación e porque naceu con ese defecto, que algúns levamos no ADN, para gozo e sufrimento a partes iguais. Pero como bo coñecedor do oficio de escribir é tamén un articulista avalado por unha longa tradición premiada por tirios e troianos e unha manchea de lectores ao longo dos seus incontables afáns de columnista, que ningún Sansón foi quen de tombar. As columnas de opinión de Conde cóntanse por milleiros e os templos que as utilizaron por ducias. Premialo co Alvite admite con xustiza todos os cualificativos ao uso, incluído que fósemos os compañeiros de fatiga (os do xurado da APG, naturalmente) a quen nos correspondera cumprir co precepto desta nova honra gremial. Alfredo coa bonhomía que lle caracteriza recolleuno facendo gala da mesma ilusión que se fose o primeiro. Aplausos.

Acto de entrega do premio Premio José Luis Alvite en Brión a Alfredo Conde

O oficio de articulista non é tarefa doada. Enfrontarse a cada columna coa responsabilidade e vocación de deixar escritas opinións solventes é tan arriscado como levantar un edificio cada mañá e agardar que as pedradas ou as salvas non o movan un chisco do lugar onde o plantamos, pensando no bo uso que fará del a cidadanía á que nos debemos. Ademais, neste tempo onde o columnismo converteuse nunha verdadeira e inmensa mesquita, con oracións para todos os gustos e intencións, permanecer co prestixio incólume é toda unha epopea. Alfredo Conde lévaa na fronte por moito que pesen os incontables artigos transportados na súa vella mochila de camiñante. Hai uns meses unha compañeira xornalista preguntoume que penso dos meus artigos de trinta ou corenta anos atrás. Respondinlle que me afirmo en todos e cada un deles porque foron escritos coas perspectivas dos seus momentos e coa honradez aprendida. Estou seguro de que caso de facerlle a Alfredo semellante pregunta a súa resposta circularía pola mesma canle. 

Iso é xusto porque un bo artigo é unha peza literaria, un ensaio breve pero tamén é unha estrela fugaz á que pedir desexos que ningún deus atenderá. Cando é un gran novelista, como Conde, quen emprega o seu pulso para escribilos pénsase que estas pequenas reflexións son irmás menores das grandes tramas, pero non, aos escritores debesen receitarnos os artigos nas farmacias e pagárnolos ao mesmo prezo que o antídoto máis caro saído do maxín do boticario. Os artigos axudan a vivir a quen os escribimos e a quen ten o pracer ou o enfado de lernos. Alfredo superou xa oito décadas de existencia facendo gala dunha lucidez envexable, digo eu que algo terá que ver ese compromiso de diseccionar a vida e a actualidade e poñer os puntos no seu sitio. Por tanto, fagamos votos para que non pechen nunca a súa farmacia.

No privado coñecín a Alfredo Conde nos anos setenta do pasado século cando ser escritor en galego aínda era unha utopía e el xa pertencía á xeración nada para relevar aos “galácticos” do medio século. Compartín con el converxencias e diverxencias no literario e no político pero síntome orgulloso de estreitar a súa man sempre co pracer do afecto e da amizade sincera. Na tarde de Brión, como tantas outras veces, tiven claro que ten ben merecido formar parte da historia e da cultura deste país. Saúde para o señor de Allariz.

Outros artigos

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

+

Luns 21, tempo seco e as temperaturas estables ou en lixeiro ascenso

Continuamos sen cambios significativos no meteorolóxico. Este luns 21, San Mateo, será unha xornada de marcada estabilidade atmosférica en todo o territorio autonómico. Durante as primeiras horas do día formaranse bancos de néboa en zonas do interior. Non obstante,...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.