A Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza suspende os peches logo de recibir unha notificación de xuntanza cos responsábeis da Área Sanitaria

05 Maio 2026

Finalmente e logo conseguir que os responsábeis da Área Sanitaria aceptasen manter unha reunión (unha xuntanza programada para este venres 8 de maio), este luns 4 de maio a Plataforma pola Sanidade Pública do Barbanza desconvocou o peche no Hospital de Barbanza e as mobilizacións despois de 13 días de concentración interrompida (día e noite) no dito centro de saúde comarcal.

A decisión foi tomada na asemblea celebrada após a actuación do contador e escritor ribeirán Quico Cadaval. Decidiuse suspender o peche como mostra de “boa fe e vontade de diálogo”. De feito, a plataforma confirmou que acudirá “coa predisposición de traballar conxuntamente pola mellora da sanidade pública”. Porén, critican que “fixeran falta 823 días para que a Administración sanitaria se dignase responder ás diversas peticións de xuntanza que se lles fixo desde a Plataforma” e engaden que “é unha mágoa que este sexa o único xeito de conseguir unha resposta”.

Actuación de Quico Cadaval na entrada do Hospital do Barbanza

Dende a plataforma salientan que “a actitude de todas as persoas concentradas durante estes días foi exemplar e sempre se tentou reducir a incidencia para as usuarias ao mínimo imprescindíbel”. Ao mesmo tempo sinalaron que a decisión de acudir á devandita xuntanza, adoptada pola asemblea este mesmo luns 4 de maio “non significa en ningún caso unha renuncia ás reivindicacións históricas que desde o colectivo se veñen facendo”. De feito, lembran que “é necesario abordar con transparencia a cuestión das listas de espera e así cómpre poñer fin á precarización do persoal sanitario e dotar dos recursos necesarios (humanos, técnicos e económicos) aos centros de saúde e hospitalarios da comarca do Barbanza, e en xeral de toda Galicia”.

Polo tanto, a actuación de Quico Cadaval en solidariedade co peche no Hospital da Barbanza, prevista xa antes de recibir a notificación, “deveu finalmente nunha celebración desta primeira vitoria”, indicaron, convidando a que “este cambio de actitude dos responsábeis sanitarios se converta en norma, para poder así entre todas recuperar e mellorar a calidade do servizo sanitario no noso país”. A plataforma agradeceu “o apoio de todas as cidadás e cidadáns que estiveron na medida das súas posibilidades presentes neste peche, a todas as persoas que asinaron para agradecer o labor da plataforma e ás artistas que desde o primeiro momento se amosaron dispostas a colaborar”.

As mobilizacións e o peche contaron co apoio do BNG, do PSOE, de Nós Pobra e doutras agrupacións.

Luís Pérez Barral, responsábel do BNG en Ribeira e ex-alcalde, salientou que “volvemos demostrar que cando a xente se organiza conséguense avances positivos. Quero dar os parabéns a todas as persoas que fixeron posíbel esta acción exemplar, sostida día e noite, defendendo unha sanidade pública digna, con transparencia, con tempos de agarda razoábeis e con máis profesionais que garantan unha atención de calidade. Desde o BNG estivemos ao lado desta loita, acompañando e apoiando unha reivindicación xusta que nace da propia veciñanza. Así, coa forza colectiva é como se defenden os dereitos. Esta é unha mostra máis de que a mobilización serve, de que loitar paga a pena para mellorar e garantir os nosos dereitos”.

Recollida de sinaturas

A recollida de sinaturas iniciada hai uns días para que toda a cidadanía puidese manifestar o seu apoio ao peche iniciado pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Barbanza continuou até o remate da actuación de Quico Cadaval. Nese momento, contáronse máis de 1.700 sinaturas recollidas.

Continúan as concentracións nos centros de saúde

Explican que “a decisión de poñer fin ao peche no Hospital non supón de ningún modo que se renuncie a seguir reclamando melloras no servizo sanitario, tanto atención primaria como especialidades”. Por este motivo, a Plataforma seguirá convocando e organizando concentracións, como as que xa estaban previstas para esta semana:

O martes 5 de maio (primeiro martes do mes), ás 19 h: diante do Centro de Saúde de Rianxo, haberá concentración para reclamar a apertura do PAC as 24 horas, a necesidade dunha ambulancia as 24 horas, o reforzo de pediatría e a cobertura de ausencias.

O venres 8 de maio, ás 11.30 h: diante do Centro de Saúde de Aguiño, haberá concentración para reclamar a cobertura do persoal sanitario: de dúas médicas, unha está de baixa desde novembro e a semana pasada cubriuse con distintas persoas 4 h/día.

E tamén o venres 8 de maio, ás 12 h: diante do Centro de Saúde da Pobra do Caramiñal, haberá concentración para reclamar que o PAC abra tamén polas tardes os días laborais.

Outros artigos

O domingo 17 de maio celébrase a sétima edición da BTT de Esteiro

A Asociación Deportiva Os Salta Rejos, coa colaboración do Concello de Muros, organiza o próximo domingo 17 de maio a VII BTT de Esteiro. “Será na área recreativa do Artón, cunha ruta longa e outra curta”, explicou o concelleiro de Deportes, Damián Torea, na...

+

Inestabilidade e chuvascos no sábado nas Rías Baixas e en Santiago

O sábado 9, estará marcado pola inestabilidade nas Rías Baixas e en Santiago, baixo a influencia das baixas presións situadas ao oeste de Portugal. Agárdanse ceos con alternancia de nubes e claros, aínda que irán aparecendo chuvascos co paso das horas. Na zona das...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“As vilas invisibles”. Xosé Antonio López Silva

“As vilas invisibles”. Xosé Antonio López Silva

Non me refiro, claro está, ás vilas do homónimo título de Ítalo Calvino. En Galicia, porén, temos vilas invisibles: as do territorio do mito, como a Antioquía da Limia, mergullada pola lagoa Antela. O resto, dirán vostedes, continúan a estar ben visibles perante nós,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.