A IX edición da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo deu por finalizada este domingo 24 de maio a súa primeira actividade descentralizada, enmarcada na celebración do Día Marítimo Europeo 2026. Nos últimos 4 días, do 21 ao 24 de maio, a organización do festival tivo a oportunidade de contar coa visita de Nicole Gormley, directora do filme Daugther of the Sea, gañador do Premio do Público na VI edición de MDFDM, celebrada no ano 2023 no Concello de Outes.

Ao longo destes días de visita, Nicole tivo a oportunidade de conectar co territorio costeiro de Arousa e Muros-Noia da man das xentes que o habitan e coidan.

Á súa chegada, o xoves 21 de maio, á vila mariñeira de Rianxo, na que se celebrará a novena edición da Mostra Mares da Fin do Mundo, Nicole foi recibida polo alcalde do Concello de Rianxo, Julián Bustelo.
Posteriormente, Julio Alcalde (tenente de alcalde) e Ana Vidal (concelleira de Benestar Social, Igualdade, Maiores e Xuventude) foron os acompañantes de luxo nun paseo guiado por algúns dos lugares históricos e máis identitarios da vila, no que non faltou a Capela da Virxe da Guadalupe, o peirao de Sete Foghas ou a estatua dedicada á figura da Rianxeira.

Tampouco faltou na visita o pasado cultural e literario de Rianxo, cos seus grandes poetas como principais embaixadores.

Pola súa banda, da man da Confraría da Virxe do Carmen de Rianxo, Nicole puido coñecer polo miúdo a confraría e a lonxa da vila, así como a delicada situación que está a vivir o sector marisqueiro, marcada pola diminución da produción xerada polo cambio climático e a contaminación das augas.

Gozou, así mesmo, dun paseo en barco pola contorna da ría de Arousa, no que puido ver e coñecer o medio ambiente mariño do territorio, así como a industria da cría do mexillón e a súa actualidade.

Unha das visitas máis especiais, e na que máis interesada se mostrou, foi a recepción guiada que o mestre carpinteiro de ribeira Ramón Collazo lle fixo por Asteleiros Catoira. Foi, en palabras da organización da Mostra, “unha visita moi pedagóxica e instrutiva, na que Ramón a achegou a esta ancestral e tradicional profesión artesanal, que tanta importancia histórica tivo no territorio, así como aos retos aos que se enfronta na actualidade”.

Ao longo dos catro intensos días de recepción, proxectouse o filme Daughter of the Sea. Dous foron os pases que se celebraron, nos que, ademais da presentación do filme por parte da propia Nicole Gormley, os asistentes puideron gozar de coloquios coa directora. As proxeccións tiveron lugar o xoves día 21 de maio no Pazo do Martelo e o sábado 23 no Cineclube Entrecortiñas, na Illa de Arousa, nas que o filme gozou de moi boa aceptación.

A última xornada tivo como marco a Costa da Morte. Co colaborador da Mostra Xosé Iglesias coma intérprete, Nicole Gormley gozou dunha xornada poética a bordo do seu Leviathan, na que puido visitar as Illas Lobeiras e os restos da que fora a Baleeira de Caneliñas no Concello de Cee.

A Mostra
Mares da Fin do Mundo é un proxecto local, asentado no rural pero con proxección internacional. Trátase dunha mostra comprometida co medio marítimo e co sector pesqueiro, que busca crear conciencia sobre a necesidade de coidar un dos nosos recursos naturais máis valiosos: o mar. Despois de oito edicións (dende 2018), MDFDM continúa a traballar para ser un espazo de referencia e de encontro, tanto para o sector cinematográfico como para o pesqueiro e a cidadanía en xeral. Cómpre salientar que un dos obxectivos principais da Mostra é o seu compromiso coa sustentabilidade, sendo ademais asinante do Pacto Cultura Sustentable.
A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Rianxo. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).



