A Deputación recoñece a Carlos Callón nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua (e tamén á CTNL, á Gramola Gominola e a Vitamina G)

29 Maio 2026

A Deputación da Coruña recoñece nos XVII Premios Rosalía de Castro de Lingua a Carlos Callón, a CTNL, A Gramola Gominola e Vitamina G.

O certame, dotado con 5.000 euros para cada unha das categorías, está convocado pola Área de Lingua da Deputación e ten como obxectivo “recoñecer persoas, entidades e iniciativas comprometidas coa promoción social do galego e co seu futuro, especialmente entre a infancia e a mocidade”, en palabras da institución provincial.

Na edición deste ano presentáronse 31 candidaturas, das cales se avaliaron finalmente 27.

Na categoría de persoa que máis destaca na promoción da lingua galega, o premio recaeu en Carlos Callón (Ribeira 1978). O xurado valorou especialmente o seu labor como “activista referencial en defensa dos dereitos lingüísticos», así como a dimensión do seu traballo no ámbito do libro galego e da divulgación arredor da lingua”.

Tamén salientou que varias das súas publicacións se converteron “en importantes ferramentas para promover o debate a favor da normalización do idioma galego, así como para mellorar a escrita e a fala da nosa lingua”.

Carlos Callón valorou deste xeito a obtención do dito premio: “Quero agradecer, desde o fondo do meu corazón, o recoñecemento do premio Rosalía de Castro de Lingua 2026, que sinto tamén como un xesto de agarimo para todas as persoas que fan parte da defensa e impulso do noso idioma natural. Dentro desta cadea colectiva de que son parte, desexo salientar de maneira especial o traballo incansábel realizado desde A Mesa pola Normalización Lingüística, así como a acollida de Xerais para publicar os meus libros sobre o tema: En castellano no hay problema (2010), Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (2011), Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez (2012), Galegocalantes e galegofalantes (2017) e O libro negro da lingua galega (2022). Este galardón emocióname mais tamén me compromete, fornéceme de nova enerxía para continuar coa escrita e coas conferencias que, decote, me teñen na estrada para partillar conversas sobre a situación da nosa lingua e as estratexias precisas de futuro”.

E engade: “Habitamos un tempo decisivo para esta tarefa colectiva que é o galego. Hai encrucilladas históricas que non avisan dúas veces, e a segunda metade desta década vai ser crucial para o futuro desta fala milenaria. É momento de pasarmos a unha nova fase de revitalización e igualdade de dereitos, porque o que se faga hoxe marcaranos por moito tempo. Un dos mellores xeitos de honrar Rosalía, a autora que lle dá nome ao galardón, é ter ambición de futuro para o galego”.

O escritor, profesor e investigador ribeirán Carlos Callón

Na categoría de entidade que máis destaca na promoción do galego, a premiada foi a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL). O xurado recoñeceu a súa “traxectoria consolidada de trinta anos” e o seu papel como entidade referente “no desenvolvemento, coordinación e racionalización das políticas e accións de normalización lingüística en Galicia”.

O equipo da directiva da CTNL

Pola súa banda, o premio ao mellor proxecto de dinamización lingüística dirixido á infancia e á mocidade foi concedido ex aequo a A Gramola Gominola e Vitamina G.

No caso da Gramola Gominola, o xurado destacou o “compromiso firme co uso e defensa públicos da lingua galega” e unha traxectoria de máis de dez anos dirixida ao público infantil e familiar a través da música, dos contidos audiovisuais e dos libro-discos acompañados de materiais didácticos.

O grupo de rock galego A Gramola Gominola

Sobre Vitamina G, promovido pola profesora Mariña Lema, salientouse a orixe da iniciativa, nun centro educativo dun barrio coruñés cun contexto altamente desgaleguizado e con alumnado procedente de diferentes realidades lingüísticas. A este respecto, subliñouse o seu valor como exemplo de cohesión social e a súa capacidade para ser exportado a outros contextos semellantes.

Mariña Lema

O xurado estivo presidido pola deputada de Lingua, Sol Agra Tuñas, e contou como vogais con Xosé Ramón Freixeiro Mato, Álvaro López García e Irma Silva Hervella. Actuou como secretaria Dores Sánchez Alegre, xefa da Sección de Normalización Lingüística da Deputación da Coruña.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...