A Deputación destina preto de 23.000 euros a mellorar os medios e instalacións das confrarías de Carreira-Aguiño e Ribeira

11 Maio 2026

O Boletín Oficial da Provincia publicou este luns 11 de maio a concesión de dúas axudas da Deputación da Coruña destinadas a investimentos en confrarías de pescadores do concello de Ribeira, por un importe total de 22.780 euros.

As subvencións enmárcanse na liña provincial de apoio ás entidades do sector pesqueiro e marisqueiro para mellorar os seus medios materiais, a súa capacidade operativa e as condicións das instalacións nas que desenvolven a súa actividade.

A sede da Confraría de Aguiño e Carreira nunha imaxe de Lonxas 4.0

A Confraría de Pescadores de Carreira e Aguiño recibirá unha achega de 17.360 euros para dúas actuacións complementarias: a adquisición dun remolque isotérmico para o transporte de produtos pesqueiros en fresco ata a lonxa e a mellora integral das instalacións da entidade, coa dotación de mobiliario, equipamento e sistemas de climatización.

O novo remolque permitirá trasladar os produtos desde o punto de descarga ata a lonxa en condicións adecuadas de conservación, hixiene e seguridade alimentaria, garantindo tamén a rastrexabilidade e a calidade da mercadoría na fase previa á primeira venda. Segundo a memoria presentada pola entidade, o investimento beneficiará directamente a 213 persoas vinculadas á descarga, manipulación e comercialización dos produtos pesqueiros.

A segunda actuación prevista na confraría de Carreira e Aguiño permitirá renovar mobiliario, mellorar distintos espazos internos e incorporar equipamento actualizado para facilitar o traballo administrativo, as reunións e as actividades formativas da entidade. Tamén se prevé a instalación dun sistema de climatización eficiente para mellorar o confort das dependencias.

Pola súa banda, a Confraría de Pescadores San Pedro de Ribeira contará cunha axuda de 5.420 euros para a reparación do tellado, o acondicionamento do faiado e a mellora da fachada do edificio. A actuación dá continuidade aos traballos de conservación e mellora da sede da entidade, co obxectivo de corrixir deficiencias, evitar filtracións e garantir un mellor estado das instalacións.

A deputada de Mar e Medio Rural, Cristina Capelán, destacou que estas axudas “teñen unha utilidade directa para o día a día das confrarías” e incidiu en que “as confrarías son pezas fundamentais na economía do mar, na organización da actividade pesqueira e marisqueira e na vida social dos portos”, polo que “a Deputación seguirá apoiando investimentos que reforcen a súa capacidade de traballo e contribúan a modernizar o sector”.

Con estas dúas subvencións, a Deputación da Coruña quere reforzar o seu apoio ao tecido pesqueiro e marisqueiro de Ribeira, “un dos principais motores económicos da comarca do Barbanza, e contribúe á mellora de equipamentos e instalacións que teñen un impacto directo na actividade diaria das entidades e das persoas profesionais do mar”, informou a administración provincia.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.