A Deputación botou man da realidade virtual para concienciar aos escolares do Son sobre a riqueza do mar

21 Maio 2026

A Deputación da Coruña acaba de rematar o programa de educación ambiental Un mar de cambios, unha iniciativa que levou ás aulas a riqueza do ecosistema mariño galego e a necesidade de protexelo fronte aos efectos do cambio climático. O proxecto desenvolveuse a través de 13 obradoiros prácticos en 10 centros educativos da provincia, nos que participaron 513 alumnas e alumnos de 3.º a 6.º de primaria. Entre os concellos implicados figurou o do Porto do Son.

As sesións combinaron contidos divulgativos, debate participativo e experiencias inmersivas con lentes de realidade virtual para achegar ao alumnado a biodiversidade dos fondos mariños galegos sen saír da aula.

O obxectivo do programa foi “implicar activamente ás novas xeracións na conservación do medio mariño”, axudándolles a “comprender como o mar inflúe nas nosas vidas e como as accións cotiás tamén teñen consecuencias sobre a saúde das rías, dos océanos e das especies que os habitan”.

A deputada responsábel da área de Medio Ambiente, Rosa Ana García, destacou que “coñecer a importancia do mar nas nosas vidas é o primeiro paso para valóralo e protexelo”.

Salientou ademais o valor de incorporar ferramentas tecnolóxicas á educación ambiental: “A realidade virtual permítenos levar os fondos mariños galegos á aula dunha maneira atractiva, directa e moi visual; axuda a espertar curiosidade, a entender mellor os cambios que se están producindo no mar e a xerar compromiso coa súa conservación”.

Lembrou que cada obradoiro estruturouse en dúas partes. A primeira, baixo o propio título de Un mar de cambios, centrouse no diagnóstico e na concienciación. O alumnado puxo en común os seus coñecementos previos sobre o cambio climático, as súas causas e as súas consecuencias, e traballou con imaxes reais filmadas no litoral galego para identificar algúns dos principais impactos deste fenómeno na biodiversidade e nas paisaxes submarinas. Aquí abordouse a situación dalgunhas das especies máis vulnerábeis das nosas augas e reservouse un espazo para o debate.

A segunda parte dos obradoiros estivo centrada nas experiencias inmersivas submarinas. Mediante o uso de lentes de realidade virtual con imaxes en 360 graos, o alumnado puido mergullarse nos fondos mariños galegos e observar de preto a súa riqueza natural. En paralelo, desenvolveuse a actividade Atención! Especies en perigo, deseñada especificamente para explicar a situación das especies máis ameazadas do litoral.

Os centros escolares e concellos participantes na actividade Un mar de cambios foron:

A Laracha — CEIP de Caión

Moeche — CEIP de San Ramón

Ares — CPI As Mirandas

Oleiros — CEIP Luís Seoane

Arteixo — CEIP Arteixo

Camariñas — CEIP Ponte do Porto

Curtis — CEIP de Teixeiro

Brión — CEIP de Pedrouzos

Santa Comba — CEIP Barrié de la Maza

O Porto do Son — CEIP de Portosín

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

“Un autobús para a praia do Vilar”. Antón Luaces

Foi necesario o paso de 60 anos para acadar que os habitantes da capital de Ribeira carentes de medios de transporte propios poideran desprazarse ata a praia do Vilar na tempada de verán. Esta praia é un dos máis prezados tesouros da contorna ribeirense e tardaron ben...

“Valentía política” – José Manuel Pena

“Valentía política” – José Manuel Pena

Saen dos seus fogares, todas as semanas, en busca de alimentos, medicamentos, bonos para viaxes ou algunha que outra axuda económica para gastos extraordinarios. Estas familias acoden a algunha ONG ou entidade social que as axudan desde hai décadas e mesmo, a algunhas...