A Área de Lingua da Deputación achegará o legado de Begoña Caamaño a toda a provincia

05 Maio 2026

A Área de Lingua da Deputación da Coruña impulsará ao longo de todo o ano unha ampla programación para sumarse á homenaxe da Real Academia Galega a Begoña Caamaño polo Día das Letras Galegas 2026. O departamento que dirixe Sol Agra Tuñas anunciou un conxunto de propostas que procura divulgar entre públicos de todas as idades a vida, a obra e o pensamento da escritora, xornalista, feminista e activista social.

A campaña conta cunha identidade visual específica creada pola ilustradora Andreea Birsanu (coñecida como Silvatiica). Baixo o lema As letras das Circes e as Morganas, consiste nunha proposta artística concibida a partir dunha fotografía da autora e construída ao redor da simboloxía de Circe e o pracer do azul, incorporando elementos vinculados ao feminismo, á sororidade, ao activismo antimilitarista e á fortaleza “que marcaron a súa traxectoria vital e intelectual”, subliñou a deputada, quen subliñou que o 17 de maio “é unha data chave, pero a nosa vontade é que Begoña Caamaño sexa lida, cantada e celebrada durante todo o ano e moito máis alá desta efeméride”.

O acto central da Deputación, o 17 de maio, celebrarase na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela. Consistirá no espectáculo De Circes e Morganas unha proposta coral de audiovisual, poesía e música que reunirá diversas artistas para converter o Día das Letras Galegas nunha celebración colectiva, dinámica, participativa e festiva.

Outras accións previstas son a distribución de libros recentemente editados sobre Begoña Caamaño, destinados a centros educativos, bibliotecas escolares e bibliotecas municipais, con títulos adaptados a distintas franxas de idade. Tamén, o reparto da súa primeira novela, Circe e o pracer do azul, entre bibliotecas e institutos con Bacharelato.

Sol Agra incidiu en que é “fundamental” que as novas xeracións poidan achegarse “non só ás novelas de Begoña, senón tamén ao seu pensamento, aos seus artigos e á súa ollada crítica, porque seguen sendo profundamente actuais”.

A programación incluirá contacontos ilustrados e musicados, obradoiros literarios e musicais, actividades en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, alén dunha proposta de escrita creativa na Biblioteca Provincial, co obxectivo de estender o coñecemento da autora por todo o territorio provincial mediante formatos diversos e participativos.

A música terá tamén un papel destacado coa distribución do libro-disco Indómitas. Nove ondas a Begoña Caamaño, de Uxía, e coa organización de catro actuacións da artista xunto á arpista bretoa Bleuenn Le Friec en distintos concellos.

Outros artigos

O Concello de Ribeira reivindica o Orgullo con música e cine

O Concello de Ribeira celebrará o Día do Orgullo 2026 cunha completa axenda na que, ademais do acto institucional, non faltarán outras de carácter lúdico. Na presentación, a alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, xunto á concelleira de Igualdade, Ana Barreiro, e a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

“Hai un golpe de Estado en marcha?”. Antón Luaces

A pregunta non é inocente. E, formulada polo vicepresidente primeiro do Goberno na sesión de control ao Executivo que preside Pedro Sánchez, menos aínda. Tal pregunta en boca de Carlos Cuerpo, probablemente un "home tranquilo", deixou este mércores un pouso de...