
PO presidente de Portos de Galicia, José Antonio Álvarez, mantivo este mércores 29 de abril unha reunión co alcalde da Pobra do Caramiñal, José Carlos Vidal, para afondar nas vías de colaboración entre ambas administracións para actuacións de carácter portuario. En concreto, as dúas partes mostraron a súa plena disposición a colaborar para a recuperación da antiga nave do Club de Remo da Pobra, incendiada o pasado mes de xaneiro.
No encontro, o alcalde e representantes municipais manifestaron que o Concello “está traballando xa no proxecto de recuperación da nave, de cuxa concesión é titular a Administración local”. O obxectivo, sinalaron, é “poder devolver a ela a actividade do Club de Remo, que temporalmente atópase trasladado a outra nave cedida por Portos de Galicia”. Pola súa banda, o presidente de Portos de Galicia ratificou que o ente público “tramitará os permisos necesarios para autorizar estas obras”.
Así mesmo o Concello mostrou o seu interese en contar coa concesión da nave onde se atopa a base de Protección Civil, polo que Portos de Galicia contará coa súa participación no concurso que ten que convocar xa que hai máis interesados. Finalmente, ambas partes valoraron a posibilidade de colaborar para a creación dunha senda peonil desde o dique portuario para dar un novo acceso á praia contigua, a expensas de autorización de Costas do Estado.





