O I Mercadiño Solidario de Pascua de Noia recadou 22.370 euros para a investigación do cancro de mama metastásico

06 Abril 2026

Finalmente o I Mercadiño Solidario de Pascua de Noia, unha iniciativa impulsada por Noemí Fábregas dentro do proxecto solidario Sumando para Dame Cinco Más, recadou 22.370 euros para a investigación do cancro de mama metastásico.

Como lembraremos o mercadiño celebrouse o pasado 28 de marzo na praza do Consistorio, coincidindo co inicio da Semana Santa, coa colaboración do propio Concello. O obxectivo do evento foi recadar fondos para a investigación contra o cancro de mama metastásico, destinándose todos os beneficios á iniciativa Dame Cinco Más, que promove proxectos científicos centrados nesta enfermidade.

O I Mercadiño Solidario de Pascua converteu a praza diante da Casa do Concello nun espazo de encontro aberto á cidadanía durante toda a xornada. Contouse con diferentes postos, ademais de numerosas actividades pensadas para todos os públicos pensadas moitas delas para a rapazada, como inchábeis e obradoiros infantís en horario de mañá e tarde, ao que se engadiu unha chocolatada solidaria pola tarde, así como sorteos e unha poxa solidaria ao final da xornada. A programación incluíu actuacións musicais e culturais a cargo da Escola de Música Sondela, Sons de Barra, Os Salgueiriños, Chiña e O Bruxo Cabacín, artistas que se sumaron de maneira solidaria á iniciativa.

En palabras do tenente de alcalde Manuel Seijas, coa celebración do mercadiño Noia demostrou unha vez máis que é unha vila solidaria: “O Mercado de Pascua solidario foi todo un éxito grazas á incríbel colaboración veciñal. Conseguiuse sumar esforzos a favor da investigación contra o cancro metastásico de mama, unha causa que nos toca de preto e que precisa do compromiso de todos”.

Pola súa banda, Noemí Fábregas agradeceu a implicación do Concello e dos patrocinadores de ouro, Inmobiliaria Vilamoura e Babilonia Brunch, e tamén o apoio dos colaboradores de prata (Silvalde Hogar, Optometría Miguéns e Silmaplast), da asociación Noia Histórica e de “todos os establecementos, bares, comercios e empresas colaboradores”.

Outros artigos

Padrón pecha unhas multitudinarias Festas de Pascua

Orquesta Nueva Línea O Concello de Padrón baixou o pano das Festas de Pascua 2026 este domingo de Pascuilla cun balance moi positivo tras unha fin de semana de masiva afluencia, na liña das xornadas precedentes, nas que a vila estivo ateigada de xente. En palabras do...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.