O Concello de Noia vén de poñer en marcha nos últimos días un conxunto de medidas orientadas a reforzar a seguridade cidadá e mellorar a capacidade de resposta ante as incidencias detectadas no municipio.
Baixo a coordinación do alcalde, Fran Pérez, e do concelleiro de Seguridade, Luis Alamancos, intensificáronse os controis por parte da Policía Local, ao tempo que se reforzou a colaboración coa Garda Civil, que tamén está a aumentar a súa presenza na vila.

Entre as actuacións xa en funcionamento destaca a instalación de novas cámaras de seguridade en distintos puntos do concello, tras a posta en marcha do sistema Apolo, unha ferramenta que permite optimizar a vixilancia e axilizar a resposta ante posibles incidencias.
No marco deste reforzo, o executivo local acordou coa Policía Local a implantación de novos protocolos de intervención ante situacións específicas, co obxectivo de mellorar a eficacia das actuacións e a coordinación entre os distintos servizos.
Así mesmo, procedeuse á ampliación do contrato dos auxiliares da Policía Local e está prevista a incorporación dun novo axente, que se atopa actualmente na fase final de formación.
Segundo fontes municipais, estas medidas comezan xa a dar resultados, con detencións e incautacións de substancias estupefacientes nos últimos días, no marco das investigacións en curso.
En paralelo, o goberno local mantivo encontros con veciños e veciñas para coñecer de primeira man as súas preocupacións e trasladarlles as accións adoptadas.
Como seguinte paso, e co fin de seguir reforzando a coordinación institucional, o Concello convocará a vindeira semana a Xunta Local de Seguridade, tras o acordo acadado nunha reunión co subdelegado do Goberno.
Deste xeito, o executivo municipal continúa a traballar con previsión, coordinación e firmeza para garantir que Noia siga a ser un concello seguro e de convivencia.




