O BNG de Noia di que os traballos do Concello nos Xardíns de Felipe de Castro son “un parche inapropiado”

01 Abril 2026

O portavoz do BNG de Noia, Ricardo Suárez, cargou este mércores 1 de abril contra a intervención realizada polo Goberno municipal nos Xardíns de Felipe de Castro. “Fomos moi críticos cando coñecemos o proxecto e o somos aínda máis agora que vemos o resultado, é unha verdadeira afronta contra un dos bens patrimoniais máis importantes da vila”, afirmou.

Suárez expresou o malestar do grupo polo feito de que unha actuación sobre “a única parte da Alameda de Noia que aínda conservaba a súa estrutura primixenia” se realice “sen o visto bo dos concelleiros e das concelleiras”. De feito lembrou que o proxecto, ao ser canalizado polo Executivo local a través da Asociación Rural de Desenvolvemento (ARD) Ría da Estrela, non tivo que recibir a luz verde por parte da Corporación municipal.

E engadiu: “De ser por nós isto nunca tería saído adiante en sesión plenaria, onde nunca se informou de que o proxecto saía a licitación. Cando coñecemos esta circunstancia, solicitamos a documentación e atopámonos cunha actuación que supuña un parche inapropiado para un ben histórico catalogado como estes xardíns”, proseguiu o portavoz, apuntando que “a culpa non é do técnico que segue as instrucións que lle son marcadas, senón dos políticos que entenden que poden actuar con tan pouca ambición sobre un ben patrimonial como este”, remarcou Suárez. “Felipe de Castro merecía unha actuación integral, como xa indicaba un anteproxecto anterior de 2016, valorado positivamente por Patrimonio para ser desenvolto a través dun proxecto e execución, algo que non se quixo facer”, remarcou o representante do BNG.

“E se o actual proxecto era inapropiado, a execución aínda deixa máis que desexar”, continuou. Neste sentido, para Suárez, “é imprescindíbel que, no caso de bens cunha importancia como a destes xardíns, se conte con persoal especializado tanto na redacción do proxecto como nas cláusulas de licitación”. “Unha vez máis a culpa é dos políticos que non requiren estas cuestións ao realizar uns pregos ou encargar un proxecto”, engadiu, apuntando que “agora hipotecouse o futuro dos xardíns, subiuse o pavimento e, polo tanto, a cota, polo que xa é moito máis difícil actuar sobre o resto de elementos”.

Recoñeceu que “é certo que había un problema nos accesos, levamos moito tempo advertindo disto, mais se non había recursos para actuar de forma integral, podía optarse por unha solución temporal para mellorar a accesibilidade sen condicionar unha intervención ambiciosa nos xardíns históricos de cara ao futuro”. E engadiu: “Conseguimos a renovación da fachada do Virxe do Mar e está pendente o empedrado da beirarrúa diante do Casino, mais algunhas escollas urbanísticas do Goberno, como é o caso de Felipe de Castro ou a falta de conexión entre a Alameda e o Campo da Feira están rachando co futuro que desde o BNG entendemos que ten ter o noso centro histórico, un conxunto do que a Alameda tamén forma parte”, destacou.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.