Noxem e Tentáculo Rock son os grupos gañadores do concurso Quero Cantar 2026

13 Abril 2026

Este domingo 12 de abril celebrouse no Teatro Colón da Coruña a gala final do certame musical da Deputación da Coruña Quero Cantar, centrado en impulsar e visualizar o talento musical infantil e xuvenil que pide espazo nos escenarios. As persoas asistentes gozaron dun excelente abano de creativas e orixinais propostas. Foi á vez unha oportunidade para ver a capacidade de nenas e nenos de ata 12 anos, na categoría infantil, e de mozas e mozos de entre 13 e 16 anos na categoría xuvenil, para crear música no noso idioma e contribuír á promoción e difusión da lingua galega.

Os seis grupos finalistas defenderon as súas propostas enriba das táboas, mais só dúas podían ocupar o lugar máis alto do podio en cadansúa categoría, e esas foron, segundo o sentir do xurado, as de Noxem e Tentáculo Rock, gañadoras respectivamente nas categorías infantil e xuvenil desta novena edición do Concurso de música infantil e xuvenil Quero Cantar. Un xurado que, como en cada edición, nesta gala final estivo integrado por nenos e nenas e por mozos e mozas con formación musical e do mesmo abano de idade que as bandas e solistas seleccionadas para a final.

E a decisión final foi a seguinte:

1º clasificado – Proposta gañadora na categoría infantil: Tentáculo Rock (Ames)

Canción: Vou a cento vinte

Foi na altura de 2017 e na escola unitaria A Igrexa de Ortoño, en Ames, cando se coñeceron tres dos catro integrantes do grupo: Carlos Nieto (voz, batería e piano), Leo Figueiras (guitarra) e Lois García (baixo). Como “TríoR” explotaron as súas temperás inquedanzas artísticas sorprendendo o público en canta celebración escolar puideron participar. En 2025 o proxecto transfórmase coa entrada na banda de Martiño Ramos (voz e batería), virando a Tentáculo Rock. No medio da súa formación en diversas disciplinas, atopan tempo para, cada xoves pola tarde, ensaiar e idear novas composicións orixinais.

2º clasificado: O Mar dos Sentimentos, coa peza Nada pode pararme

3º clasificado: Libres, coa peza Quero brillar coma ti

Gañadores da categoría infantil

1º clasificado – Proposta gañadora na categoría xuvenil: Noxem (Vigo)

Canción: Esperta

Daquela co nome de Wildfire, foron xa finalistas na edición anterior. O grupo está formado por catro rapazas de 15 e 16 anos: Uxía García á voz, Nora Lora á guitarra, Uxía Romero na batería e Maya Sáez no teclado. O grupo formouse no IES Alexandre Boveda, no que cursan 4º da ESO. O seu estilo é rock, máis con trazos propios que tocan paus do metal, pop, punk ou grunge. Con esta canción queren reflectir o sentimento de non atoparse ben con elas mesmas por algo ou alguén que non deixa “espertar” e ser un mesmo completamente. Tamén tratan temas como “a vergoña propia, o arrepentimento ou a dor de non ser suficientes para alguén que non as aprecia”.

2º clasificado: Tha Filez, coa peza Rebelión

3º clasificado: Son da Lúa, coa peza O meu mozo virtual

A responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González Rodríguez, pediu un aplauso especial para as familias e para as mestras e mestres de música, por acompañar a paixón do alumnado na expresión do seu talento musical. Subliñou o compromiso da institución cun concurso infantil e xuvenil que acada xa a súa novena edición e salientou o valor dun certame nacido co obxectivo de promocionar e difundir o uso da lingua galega e a creatividade poética e musical. Prognosticou tamén unha magnífica próxima edición dun concurso que, xa consolidado, celebrará en 2027 o seu décimo aniversario, e convidou o público a acudir á Gala da Cultura que se celebrará a próxima semana.

Gañadores da categoría xuvenil

Os premios para os gañadores son os seguintes:

1º clasificado na categoría infantil:
· Gravación da maqueta en estudio profesional.
· Gravación dun videoclip da canción gañadora
· Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.500,00€

1º clasificado na categoría xuvenil:
· Gravación da maqueta en estudio profesional.
· Participación no programa formativo que se explica no anexo.
· Gravación dun videoclip, ben da canción presentada ao concurso, ben da creada no programa formativo.
· Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.500,00€

2º clasificado en ambas as categorías:
· Gravación da maqueta en estudio profesional
· Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 1.000,00€

3º clasificado en ambas as categorías:
· Gravación da maqueta en estudio profesional
· Material musical (instrumentos, equipamento…) e/ou produtos culturais en galego (libros, discos, cine, xogos..) por valor de 500,00€

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...