O vindeiro martes 14 de abril ás 20:30 h, a Casa da Cultura Antón Avilés de Taramancos (Noia) vai dar acollida á presentación do libro María Vázquez, a mestra socialista eliminada polo franquismo, da autora Aurora Marco e editada polo selo compostelán Alvarellos.

Será, en palabras da Concellería de Cultura, “unha oportunidade para achegarse á memoria histórica a través dunha obra que recupera a figura dunha muller comprometida coa educación e coa xustiza social.”
No acto intervirán a propia Aurora Marco, a concelleira de cultura Chelo Martínez e o editor, Henrique Alvarellos, nun encontro aberto a toda a veciñanza.
A entrada é libre ata completar aforo.
A autora e o libro
Aurora Marco é catedrática da USC e especialista na recuperación da memoria de mulleres galegas, especialmente as represaliadas, rescata do esquecemento a figura da mestra María Vázquez Suárez (Santiago, 1894-Pontedeume, [?], 1936).
O libro que presenta en Noia é un ensaio de 272 páxinas que aporta ata cen fotografías e documentos históricos, a maior parte deles, descoñecidos.
Relata a autora no limiar:
“Aquel 19 de agosto de 1936 resoaron na noite os disparos que acabaron coa vida dunha mestra vocacional, dunha renovadora pedagóxica, dunha muller progresista, militante socialista, afervoada defensora dos dereitos femininos, (…) No período republicano, as mestras tiveron un papel capital, como os mestres. O que acontece é que as súas achegas, e até os seus nomes, ficaron con moita frecuencia invisibilizados.
Nacida en Compostela, con raíces en Sober, estudou Maxisterio na Coruña, foi mestra na Pobra do Caramiñal e en Miño, e está enterrada en Pontedeume.
Tantos anos despois, estas páxinas son memoria reparadora, loita contra o esquecemento.
A carón do relato incorpóranse o lamentábel expediente de depuración, aberto catro anos despois do seu asasinato”.




