As entidades ecoloxistas ADEGA, Federación Ecoloxista Galega (FEG), Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), AEMS-Ríos con Vida e Asociación Lobo rexistraron este xoves 16 de abril na sede da Xunta máis de 2.500 sinaturas de apoio á solicitude de inclusión do salmón atlántico (Salmo salar) no Catálogo Galego de Especies Ameazadas coa categoría de “En perigo de extinción”.

As organizacións destacan que estas 2.500 sinaturas, recollidas en pouco máis dun mes tanto vía telemática como física, constitúen “un destacado respaldo cidadán” á solicitude xa presentada polas entidades ante a Dirección Xeral de Patrimonio Natural para que a Administración galega asuma a súa responsabilidade e protexa esta especie coa categoría de “En perigo de extinción”.
Segundo o Atlas do Salmón Atlántico en España (Ministerio para a Transición Ecolóxica, 2021), as poboacións galegas reducíronse máis dun 80% desde a década de 1970. Ademais, pasouse de máis de 20 ríos históricos con presenza reprodutora a menos de 8 na actualidade, moitos deles con poboacións moi reducidas e illadas.
Ante esta situación, as entidades promotoras aseguran que o salmón galego cumpre cos criterios técnicos e legais para ser declarado “En perigo de extinción”, polo que instan á Xunta a tramitar esta catalogación e a “desenvolver un plan de recuperación efectivo”. Esta figura de protección obriga á Administración a “implementar medidas concretas para restaurar hábitats, mellorar a conectividade fluvial e garantir o seguimento científico da especie”.
Baixo o lema Activa a #AlertaSalmónGalego, a campaña de sinaturas permanecerá aberta ata o vindeiro 2 de maio para reforzar así a demanda social para que a Xunta actúe de acordo cos datos científicos dispoñíbeis.
Sinalan que “a extinción do salmón atlántico en Galiza suporía unha perda irreparábel desde o punto de vista ecolóxico e cultural”.
Por iso, ADEGA, FEG, SGHN, AEMS-Ríos con Vida e Asociación Lobo fan un novo chamamento cidadá para apoiar a campaña e contribuír a frear o declive dunha das especies máis simbólicas dos ríos galegos.
Ao mesmo tempo, as dúas representantes ecoloxistas no Observatorio veñen de solicitar tamén unha convocatoria extraordinaria deste organismo para informar sobre as propostas de catalogación das poboacións galegas de salmón atlántico (Salmo salar) presentadas. Neste punto sinalaron que “en 2025 a Xunta incumpriu o deber legal de reunir este organismo consultivo, cuxa periodicidade mínima é unha vez ao ano, para dar conta do estado da biodiversidade galega”.
Quen queira asinar pode facelo na web de ADEGA.





