Irene Miranda, autora teatral de Outes, estreará no seu concello a peza “Festa rachada” o vindeiro 2 de maio

23 Abril 2026

Irene Miranda, autora teatral de Outes, vai estrear na súa terra o vindeiro 2 de maio a súa nova peza teatral: Festa rachada. Trátase dunha comedia de sketches ambientada na Galicia rural dos anos 90, durante a fin de semana das festas de Vilar de Abaixo. A peza é en palabras de Irene “ unha caricatura dunha aldea galega tan única que podería ser calquera”.

Irene cóntanos tamén que tanto ela como o resto da compañía son artistas galegos residente en Madrid, onde estudan e traballan, pero con esta peza “quixemos volver ás nosas raíces e poñer en valor o noso, cunha mirada que tamén nos gustaría levar a Madrid na próxima tempada”.

“Dende que me fun de Galicia”, explica Irene, “valóroa como nunca antes fixera estando nela. E cousas que me molestaban atópoas divertidas e xenuínas”.

No elenco participan Germán Prenta, Mario Lagoas, Lucas Ares (recentemente no elenco de Salvador en Netflix) e mais a propia Irene Miranda.

Contan ademais coa colaboración do Centro Dramático Galego, que cedeu vestiario, escenografía e parte do atrezzo.

Irene explica que a súa intención foi que a obre constituíse “unha festa e unha celebración” para que todos os paisanos nos poidamos rir do que somos cando nos xuntamos.

Sinopse

Benvidos a Vilar de Abaixo, onde as festas do 95 están a piques de comezar.

Hai unha orquestra de camiño, hai xente nova no pobo e hai un morto, ou dous.

Mentres uns buscan paz, outros procuran conversa e as linguas encárganse de que ningún segredo quede a salvo.

Festa rachada é un retrato ácido do noso costumismo: catro intérpretes poñéndose na pel de toda unha aldea mesturando humor, malicia e ritmo. Rumores, faladurías e pequenas intrigas convértense nun espectáculo vibrante onde cada palabra conta e cada escena respira o pulo dun pobo vivo, tan único que podería ser calquera.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.