A Real Academia Galega de Belas Artes impulsa o Ano José Suárez con máis de 30 actividades en 2026

01 Abril 2026

A Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) desenvolverá ao longo de 2026 un amplo programa de actividades para conmemorar o Ano José Suárez, cun total de máis de 30 iniciativas organizadas en colaboración con distintas entidades culturais e institucionais.

A programación arrinca xa nos primeiros días de abril coa inauguración en Allariz dunha exposición de lonas murais coa obra do fotógrafo José Suárez, impulsada polo Concello. Ademais, a Federación de Asociacións Culturais Galegas Galiza Cultura difunde a súa obra nun especial publicado en Nós Diario.

A mediados de mes abrirá ao público unha mostra no Centro Cultural Marcos Valcárcel, organizada pola Academia xunto á Deputación de Ourense e comisariada polo historiador da arte Carlos L. Bernárdez. A exposición contará co asesoramento de Xosé Luis Suárez Canal e Manuel Sendón.

No ámbito editorial, a Xunta de Galicia reeditará o libro “José Suárez: Uns ollos vivos que pensan”, publicado tras a exposición de 2015 na Cidade da Cultura. Tamén se distribuirán 3.000 carteis fotobiográficos en centros educativos coa colaboración da Consellería de Educación.

Entre os actos destacados de abril figura unha xornada o día 13 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, na que participarán Xosé Luis Suárez Canal, o fotógrafo Xurxo Lobato e representantes do Colexio de Xornalistas. Ao día seguinte presentarase na sede da Academia o libro “Tras da mirada de José Suárez”, de Olaia Sendón, editado por Editorial Galaxia. O calendario complétase con actos no Ateneo de Santiago e no Consello da Cultura Galega.

Xa en maio, a Deputación de Lugo acollerá a exposición itinerante “José Suárez, vida e obra”, que percorrerá diversas vilas galegas. Tamén se celebrará unha tertulia no Centro Marcos Valcárcel con persoas que coñeceron ao fotógrafo.

No último trimestre do ano, a programación incluirá a xornada “José Suárez e a arte do seu tempo” no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), así como novas exposicións no campus de Ourense da Universidade de Vigo. Ademais, o Concello de Allariz inaugurará o Museo José Suárez.

A Academia tamén promoverá un documental dirixido por Xurxo Lobato e un ciclo de cinema na Filmoteca de Galicia, coordinado por José Luis Castro de Paz, con posible extensión á Filmoteca de Madrid.

O programa complétase con colaboracións co Museo do Pobo Galego, o Museo de Pontevedra e fundacións como Fundación Carlos Casares, Fundación Blanco Amor e Fundación Vicente Risco.

Ademais das iniciativas impulsadas pola Academia, outras entidades programarán actividades paralelas en toda Galicia, como unha exposición da serie “Mariñeiros” en Bueu durante o verán ou diversas accións organizadas pola Universidade da Coruña.

Con este amplo programa, Galicia rende homenaxe a unha das figuras máis destacadas da fotografía do século XX, reivindicando o legado artístico e documental de José Suárez.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.