A RAG estrea na Rede o documental conmemorativo do legado literario de Begoña Caamaño

09 Abril 2026

A Real Academia Galega estrea no serán deste xoves 9 de abril o audiovisual Begoña Caamaño Caamaño: navegar no pracer do azul, cuxotráiler podemos ver en Youtube a xeito de avance. O documental que produce co gallo das Letras Galegas 2026, realizado por Miramemira con Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez na dirección e o guión, poderá verse a partir das 21:00 horas en academia.gal e na canle de Youtube da RAG.

A película propón un percorrido pola vida e o legado da autora á que a institución lle dedica o vindeiro 17 de maio a través dos testemuños de persoas que a acompañaron nas súas diversas facianas persoais e profesionais. Destaca ademais como parte do relato a interpretación artística da súa obra literaria, que ten na colaboración da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia un dos esteos.

Segundo avanza a RAG, o documental conecta as dúas cidades en que Begoña Caamaño (1964-2014) viviu reconstruíndo a traxectoria desde a nenez e a mocidade ata á consolidación como xornalista e escritora. Desde o Vigo natal, onde medrou nos barrios do Calvario e Coia e se converteu en xornalista, ata Santiago de Compostela, onde continuou a súa carreira e vida a partir de 1989, cando se incorporou á redacción central da Radio Galega. Nesta cidade escribiría as súas dúas novelas, Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012), froito dun debut tardío pero maduro e anovador da escena das letras galegas do momento que segue a ter plena vixencia e interese.

A película documental dálle tamén voz á mocidade en relación cos grandes temas da obra literaria de Caamaño, o seu exercicio como xornalista comprometida coa honestidade e a defensa da lingua galega e mais o seu activismo.

A película contou con múltiples colaboracións. No apartado de material de documentación, alén de imaxes e audios da CSAG, a narración apóiase en fotografías de Mulheres Transgredindo, Mulheres Nacionalistas Galegas, Sonia Díaz, Ra&Ka e os arquivos persoais de Ana Romaní, Maika Aguado e a propia Begoña Caamaño.

Begoña Caamaño: navegar no pracer do azul realizouse co apoio económico da Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades.

“Con este novo filme a Real Academia Galega continúa a aposta polo audiovisual de calidade como forma de achegar as figuras ás que lles dedicamos o Día das Letras Galegas a públicos amplos de distintas idades, e de maneira especial ao máis novo. Nesta liña, en breve estrearemos o noso primeiro videopodcast e temos xa en marcha a serie de reels É o tempo de Begoña Caamaño”, explica o presidente da institución, Henrique Monteagudo.

O máximo responsábel da Academia intervirá este venres 10 no acto de homenaxe a Begoña Caamaño no IES Alexandre Bóveda cadrando cos 50 anos do centro onde estudou a autora. Será precisamente esta celebración a que sirva de marco para a primeira presentación pública do filme, nunha mesa na que acompañará a Damián Varela Pastrana e Alba López Álvarez o académico Víctor F. Freixanes, docente do antigo Coia 2 entre finais dos anos 70 e comezos dos 80. O acto no instituto da homenaxeada será punto de encontro dos participantes no documental, e contará tamén coas intervencións doutras persoas relacionadas coa homenaxeada e o centro educativo. Trala presentación do filme, compartirán un coloquio sobre a escritora a súa irmá Beatriz, Carme Panero, profesora de literatura de Caamaño no daquela Instituto Coia 2, e mais An Alfaya, compañeira dela naqueles anos de estudante de bacharelato e de Maxisterio.

Sen saber aínda deste vínculo persoal, a RAG confiou en An Alfaya para escribir a historia sobre a protagonista do Día das Letras Galegas 2026 para Primavera das Letras, o proxecto da institución dirixido ao público infantil que desenvolve co apoio da Deputación da Coruña. A tamén escritora viguesa concibiu a obra teatral Uuu-uuu, BEGOÑA!, que a RAG anima a representar dentro e fóra das aulas. O texto, ilustrado por Laura Romero, pode descargarse en primaveradasletras.gal.

A RAG está ademais a producir a súa primeira serie de reels das Letras Galegas, baixo o título É o tempo de Begoña Caamaño, e estreará en breve o seu primeiro videopódcast, Colchas de voces, no que a xornalista Alba Mancebo conversa con convidadas relacionadas dalgún xeito co legado da escritora e xornalista. O primeiro episodio protagonízano Fillas de Cassandra e o segundo a narradora Antía Yáñez. Ambas as propostas realízanse co apoio da Xunta de Galicia.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

ADEGA di que maquinaria pesada arrasou unha zona dunar de Aguiño

ADEGA vén de emitir un comunicado no que a asociación ecoloxista galega pon o foco nunha praia de Aguiño onde, segundo din, vénse de arrasar un hábitat de gran relevancia para cría da píllara das dunas. Sinalan que dende o pasado sábado, 6 de xuño, nas vésperas do...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...