Queremos Galego presenta en Santiago o protocolo ‘Lingua Vital’ para afrontar a “emerxencia lingüística” do galego

14 Marzo 2026

A plataforma cidadá Queremos Galego celebrou este sábado unha asemblea aberta na Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, na que presentou publicamente o protocolo ‘Lingua Vital’, unha iniciativa impulsada por entidades sociais co obxectivo de facer fronte á situación que cualifican de “emerxencia lingüística” do galego.

O documento foi elaborado por 57 entidades de distintos ámbitos sociais e conta co apoio doutras 396 organizacións. Nel recóllese un conxunto de medidas normativas e executivas orientadas a avanzar cara á plena normalización do idioma. Segundo explicou o portavoz da plataforma, Marcos Maceira, o texto baséase nos obxectivos aprobados por unanimidade no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega de 2004, así como en acordos internacionais como a Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos ou a Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minorizadas.

A asemblea, conducida por Sara Seco, contou tamén coas intervencións de Celia Armas, Mónica Valencia, Xosé Henrique Costas, Marcos Maceira e David Minoves, representante do Centre Internacional Escarré per les Minories Ètniques i Nacionals (CIEMEN). O acto concluíu cunha actuación musical do dúo Caamaño e Ameixeiras.

Mesa

Críticas á política lingüística da Xunta

Durante a presentación, Marcos Maceira sinalou que a sociedade civil decidiu impulsar esta iniciativa ante o que considera unha falta de medidas institucionais para reverter a situación da lingua. Segundo indicou, unha enquisa do Instituto Galego de Estatística realizada hai ano e medio confirmou que o castelán se consolidaba como lingua máis falada en Galicia, e desde entón, ao seu xuízo, a Xunta de Galicia non adoptou accións suficientes para promover o uso do galego.

“O que fixo foi bater récords, non para reverter a situación da lingua, senón para a súa oficialidade”, afirmou o portavoz da plataforma, quen mencionou votacións contrarias ao uso do galego en distintos ámbitos institucionais ou campañas en castelán en centros educativos.

Maceira explicou que o protocolo pretende avaliar o cumprimento das medidas previstas no plan de normalización de 2004, identificar os obstáculos que impediron a súa aplicación e propoñer accións concretas con planificación, avaliación de resultados e calendario de execución, que previsiblemente se concretará ao comezo do próximo curso.

“O reto que temos agora é cumprir estas medidas. A nosa intención é que sexa a sociedade galega a protagonista da reposición da lingua galega e de reverter a súa situación actual”, sinalou.

Chamamento a recuperar o consenso político

Ao acto asistiu tamén a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, quen reclamou un “cambio de rumbo urxente” nas políticas lingüísticas do Goberno galego. Segundo indicou, “o noso idioma está nunha situación crítica tras 17 anos cun goberno do PP que quere convertelo en lingua residual”.

Pontón defendeu a necesidade de recuperar o consenso político arredor da lingua galega e cumprir o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, ademais de reclamar a derrogación do decreto que regula o uso das linguas no ensino.

Coa presentación do protocolo ‘Lingua Vital’, a plataforma Queremos Galego inicia agora unha nova fase orientada á posta en marcha das medidas propostas, coa intención de implicar tanto ás institucións como ao conxunto da sociedade galega na recuperación do uso social do idioma.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.