O PSdeG reclama a reconstrución inmediata do Pavillón do IES Porto do Son tras ano e medio inutilizado 

25 Marzo 2026

O PSdeG-PSOE sonense presentará no pleno municipal de mañá, xoves 26 de marzo, unha moción pola vía de urxencia para instar á Xunta de Galicia a que execute de xeito inmediato as obras de reconstrución do Pavillón Deportivo do IES Porto do Son. 

O voceiro socialista Jorge Romero convida “a toda a comunidade educativa do instituto a estar presente no pleno e a apoiar a aprobación da moción”. 

Derrubes provocados polo temporal Kirk en 2024

Indica que “o pavillón sufriu graves danos o 8 de outubro de 2024 como consecuencia do temporal Kirk, quedando dende entón inutilizado, e dende esa data, a comunidade educativa do centro leva máis dun ano convivindo cunha situación absolutamente impropia dun sistema educativo público de calidade, sen poder dispoñer dunhas instalacións deportivas dignas”. 

E engade: “Esta situación non só afecta ao normal desenvolvemento das clases de educación física, senón que limita gravemente a actividade educativa e o día a día do centro, obrigando a buscar solucións alternativas claramente insuficientes”.

O grupo lembra que “a finais de xaneiro de 2026 fíxose público que tres empresas se presentaran ao proceso de contratación das obras”, o que para o grupo socialista “evidencia que a actuación administrativa estaba en marcha”. Porén, semanas despois, “a realidade é que as obras non se teñen materializado, prolongando unha situación xa de por si insostible”. 

“Ante esta falta de avances reais, a comunidade educativa viuse obrigada a mobilizarse e saír á rúa en febreiro de 2026, reclamando unha solución urxente e un pavillón en condicións, o que pon de manifesto o nivel de desesperación existente”, engádese. 

“Dende o Grupo Municipal Socialista consideramos que non é admisible que, máis dun ano despois dos danos sufridos, o alumnado siga sen unhas instalacións fisicas, nin que os prazos administrativos se eternicen mentres se deteriora a calidade do servizo público educativo”, indica o texto da moción. 

Para o PSdeG-PSOE do Porto do Son, “a educación pública debe ser unha prioridade, e garantir unhas instalacións dignas non pode depender de ritmos burocráticos nin de falta de impulso político”. 

Por todo isto, a moción insta á Consellería de Educación da Xunta a executar de maneira inmediata as obras, a establecer “un calendario claro, público e vinculante para a execución e finalización das mesmas, e a garantir que a nova infraestrutura cumpra con todas as condicións necesarias para un uso educativo axeitado”. 

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.