O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, mantivo un encontro con responsables de Stolt Sea Farm dentro da rolda de contactos que a Consellería do Mar está a desenvolver cos distintos axentes socioeconómicos da cadea mar-industria.
A reunión permitiu coñecer de primeira man os últimos avances nos proxectos estratéxicos da compañía, entre eles a ampliación da granxa de Couso, no municipio de Ribeira; a construción dunha planta de procesado en Rianxo; e a posta en marcha dun novo criadeiro similar ao xa existente en Cervo.
Estas tres actuacións contan co apoio da convocatoria de axudas da Xunta correspondente a 2025 para o impulso da actividade acuícola galega, unha liña de financiamento orientada a reforzar o liderado da comunidade en tecnoloxía de produción de peixes planos en granxas mariñas.
No marco desta orde, dotada con 65 millóns de euros, a Administración autonómica atendeu 239 solicitudes destinadas á posta en marcha destes e doutros proxectos empresariais, co obxectivo de incrementar a competitividade, ampliar a capacidade produtiva e avanzar na sostibilidade do sector acuícola galego.




