Na completa listaxe de iniciativas conmemorativas do 8M (Día Internacional da Muller) impulsadas pola Xunta figura un ambicioso e pioneiro proxecto web que dá plena visibilidade ás mulleres profesionais que son referentes na nosa Comunidade. Estamos a falar da plataforma Presentes.gal, materializada pola Consellería de Política Social e Igualdade para transformar o compromiso institucional en ferramentas concretas, achegando unha gran plataforma pública de consulta a disposición da sociedade na que atopar voces e experiencias que son unha referencia de todos os sectores profesionais. O portal, presentado nos seus detalles este sábado 7 de marzo polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, busca “paliar a falta de visibilidade e promover unha maior presenza de talento feminino nos altofalantes, tanto públicos como privados”. Presentes.gal arrinca con máis de 2.000 expertas de todos os sectores.

Eliminando estereotipos e prexuízos
Presentes.gal loitará contra a desigualdade de xénero nos sectores tecnolóxicos, creando, en palabras do presidente Xunta, “a maior plataforma que reúne o talento feminino de Galicia: unha iniciativa destinada a eliminar as barreiras que aínda dificultan que as mulleres ocupen estes espazos de coñecemento, aumentar a visibilidade das profesionais e facilitar o seu contacto para que poidan ser convidadas a participar en actividades e formar parte da conversa pública”.
Entre os principais desafíos da plataforma figura loitar contra a desigualdade enraizada na comunicación tecnolóxica, un desequilibrio que con frecuencia percíbese na distribución das autoridades expertas nos debates, onde acontece adoito que as mulleres participen en mesas sobre igualdade, coidados ou conciliación, mentres que os homes en debates sobre tecnoloxía, economía, política ou liderado. Presentes.gal contribúe a romper esta lóxica visibilizando mulleres expertas en todos os sectores do coñecemento. O obxectivo é que as mulleres participen como especialistas no seu ámbito profesional, non só como representantes de cuestións de xénero.
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que Presentes xa conta coa participación de 2.000 expertas de todos os sectores, con diversidade de traxectorias, polo que quixo agradecer a todas as participantes “por dar ese paso adiante e ser referentes, estar presentes”.
O obxectivo desta comunidade é “crear un espazo aberto e participativo e ofrecer espellos nos que mirarse en ámbitos que van desde a investigación e a ciencia ata o medio rural e a cultura, axudando a demostrar que o xénero nunca pode ser un impedimento”.

Poñendo o foco nas novas xeracións
Rueda engadiu que este proxecto, que contou co apoio de máis de 100 entidades para a identificación de perfís, busca sentar os precedentes para seguir sensibilizando á sociedade, especialmente ás xeracións máis novas. “Ser referentes para os nenos e nenas tamén significa que, desde o principio, medren na igualdade real e non se deixen influír por estereotipos ou comportamentos machistas, polo que, se queremos evitar desigualdades no futuro, ser mulleres referentes no presente vainos axudar moitísimo”, asegurou.
Creación de base de datos
A fase 0 de Presentes.gal consistiu na creación dunha gran “base de datos” de mulleres profesionais. Para iso, as pasadas semanas enviáronse comunicacións aos colexios profesionais de Galicia e a múltiples asociacións sectoriais, co obxectivo de que fixesen chegar ás súas colexiadas e asociadas a información sobre o proxecto. Ademais, realizouse un traballo propio de procura de perfís profesionais, contactando directamente con mulleres referentes. A resposta superou as expectativas e en tan só un mes rexistráronse preto de 2.000 inscricións de mulleres profesionais interesadas en participar activamente nos espazos de comunicación públicos e privados como referentes profesionais.
Ferramenta integral
Presentes é unha ferramenta integral para transformar a presenza feminina nos espazos públicos e privados de opinión e debate. De feito, non se limita a facilitar a presenza de mulleres nos paneis, senón que o proxecto inclúe tamén ferramentas para organizar eventos desde unha perspectiva de xénero, como a guía práctica que orienta sobre como deseñar actos máis igualitarios antes, durante e despois de cada cita.
Ademais, será unha comunidade que impulsa redes entre profesionais, xa que tamén permite que outras persoas poidan propoñer profesionais, ampliando a rede de expertas e favorecendo a visibilidade de novas voces. O obxectivo disto é reforzar a sororidade profesional e facilitar que “mulleres con traxectoria e coñecemento poidan acceder a espazos de visibilidade pública”.

Campaña e protagonistas
Presentes nace como unha aposta estratéxica en liña cos sectores profesionais clave para Galicia: un proxecto vivo e escalable, preparado para crecer e adaptarse á realidade das mulleres profesionais na nosa Comunidade. Por iso, a Xunta de Galicia decidiu facer da plataforma a campaña institucional con motivo do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres. As protagonistas da campaña, en representación de todas as mulleres profesionais de Galicia, foron: Emma Lustres, fundadora de Vaca Films (sector audiovisual); María Montalvo, vicepresidenta de Freire Hermanos (Grupo MEGASA) e presidenta de UNICEF Galicia (sector industrial e siderurxia); Carlota Pereiro, artista e deseñadora para o Museo Thyssen (sector cultural); Alba Meijide, experta en IA e responsable desa materia en Telefónica – Zona Norte (sector tecnolóxico); María Saco, bombeira forestal e emprendedora do proxecto forestal Xestanatur (sector forestal); e Ana Paúl, directora de innovación no Centro de Automoción de Galicia (sector automoción).
Compromiso do Goberno galego
O titular do Executivo galego lembrou que a Xunta destina este 2026 un orzamento récord de máis de 29 millóns de euros ás políticas de igualdade. Así, destacan os 7,4 millóns de euros para o Plan Corresponsables, destinado a facilitar a conciliación durante todo o ano, e os 5,1 millóns para o programa Emega de emprendemento feminino. Así mesmo, Galicia segue a ser pioneira na gratuidade das escolas infantís e que se está a ultimar a primeira Estratexia Galega de Emprego Feminino en Sectores Masculinizados para reducir a fenda salarial. “Os recursos públicos, os cartos que se pagan cos impostos de todos, hai que dedicalos taména facer posible e real unha sociedade igualitaria”, asegurou.



