
A Confraría da Paixón do Noso Señor e o Concello de Porto do Son presentaron este domingo 15 de marzo o conxunto de actos litúrxicos que se levarán a cabo no municipio durante a Semana Santa 2026. Antes disto, o consiliario e párroco don José Ramón Jorge Mosquera presentou a don Francisco (Franck Ombala), sacerdote de Camerún que se incorpora á Unidade Pastoral de Porto do Son. O pregón veu da man de don Carlos Álvarez Varela, cóengo da SAMI Catedral de Santiago de Compostela e párroco de San Miguel dos Agros da cidade de Santiago.
A continuación, don Juan Pérez Pouso, irmán maior da confraría, presentou o cartel e os actos litúrxicos. Como principal novidade, destacouse que se modifican algúns percorridos nas procesións para evitar procesionar pola estrada xeral. Estes serían na tarde do Xoves Santo e a noite do Venres Santo.
No acto tomaron parte a tenente alcalde, María Maroñas, e os concelleiros José Luis Lijó, Alicia Mª Martínez e Magdalena Pérez.
A programación está dispoñíbel na páxina web da Confraría.
Dende a Confraría (formada por un total de 200 membros) salientaron que Porto do Son acollerá en Semana Santa sete procesións e once pasos.
A axenda comezará o 27 de marzo, Venres das Dores, coa misa solemne dedicada á Virxe dos Dolores (ás 18.00 horas) e en memoria das e dos confrades falecidas/os.
O Domingo de Ramos, día 29, marca o inicio da Semana Santa coa entrada triunfal de Xesús en Xerusalén, recibido con palmas e aclamacións pola vida. Así, bendiciranse as palmas e ramos na praza de España, ás 11:00 horas. A continuación celebrarase a procesión (pola rúa Trincherpe, a avenida de Galicia, a rúa da Igrexa) e a misa á chegada á Igrexa Parroquial.
O Martes Santo, 31 de marzo, celebrarase o Via Crucis, un percorrido que rememorará novamente o camiño de Xesús cara a súa crucifixión (dende Getsemaní ao monte Calvario ao longo de 14 etapas), cunha procesión que partirá ás 22:00 horas da Capela da Atalaia e percorrerá as rúas do municipio (Roda, Moullón, praza Rosalía de Castro, Fernando Fariña, praza de España, Camiño Novo, Atalaia e Capela).
O Xoves Santo (2 de abril) terá lugar, ás 18:00 horas, a misa na igrexa parroquial. A continuación sairá a Procesión do Ecce-Homo, que estará acompañada pola Agrupación Musical Virxe da Amargura de Ferrol. O percorrido será o seguinte: saíndo da Igrexa Parroquial pasando pola rúa da Igrexa, a avenida de Galicia, a rúa Xesús, a praza Nova, a praza de España, Fernando Fariña, praza de Rosalía de Castro, travesa de Moullón, rúa da Roda e subida á Capela pola rúa da Atalaia.
O Venres Santo (3 de abril) comezará, ás 10:30 horas, coa Escenificación na praza de España, seguida da súa correspondente procesión do Santo Encontro (en caso da chuvia na Igrexa Parroquial).
Pola tarde, ás 18.00 horas, celebrarase na Igrexa Parroquial a Liturxia e Desencravo, tras a cal sairá a solemne procesión do Santo Enterro, acompañada pola Banda de Música Municipal de Brión. Xa de noite, ás 23:00 horas (dende a Capela da Atalaia), terá lugar a procesión da Virxe da Soidade, un dos intres máis conmovedores da Semana Santa en Porto do Son, coa imaxe da Virxe percorrendo as rúas en silencio, só interrompido polos sons da Banda Municipal de Brión.
A axenda rematará o Domingo de Resurrección, o 5 de abril, coa procesión de Xesús Glorioso e o Encontro de Resurrección. A procesión partirá da capela da Atalaia ás 11.00 horas e rematará coa celebración dunha misa na Igrexa Parroquial, acompañada pola Banda de Música de Caldas de Reis.





