A Semana Santa de Noia (edición 2026) reivindica os seus máis de dous séculos de historia

17 Marzo 2026

A Casa Parroquial de Noia acolleu a presentación oficial da programación da Semana Santa noiesa ante os medios de comunicación. Na rolda de prensa participaron o párroco de Noia, José Ortoño, a gañadora do VIII Concurso de Carteis da Semana Santa, María Uxía Gandarela Fabeiro, e o alcalde da vila, Fran Pérez.

Durante a súa intervención, o párroco agradeceu a presenza dos medios e destacou a importancia dunha celebración que cada ano atrae a un gran número de visitantes á localidade. Lembrou ademais que a Semana Santa de Noia remóntase ao ano 1752, converténdose nunha das tradicións relixiosas máis antigas da vila.

Se as condicións meteorolóxicas o permiten, ao longo desta edición sairán á rúa oito procesións, nas que participan numerosas confrarías que mobilizan tanto a fieis como a visitantes. José Ortoño explicou brevemente o desenvolvemento das distintas procesións e quixo agradecer de maneira especial o traballo das confrarías, da banda de música e do Concello de Noia pola súa colaboración para manter esta celebración como un referente da cultura relixiosa popular.

Entre os actos destacados deste ano, sinalouse que na procesión do Domingo do Ecce Homo, que ten lugar o Domingo de Ramos, o pregón correrá a cargo de Rosa Quintana Carballo, ex conselleira do Mar e actualmente deputada no Congreso.

A continuación tomou a palabra María Uxía Gandarela Fabeiro, gañadora do oitavo concurso de carteis da Semana Santa, quen recibiu o premio na propia rolda de prensa de mans do párroco local. A autora explicou que o cartel presentado representa “o desencravo” do Venres Santo, centrado na imaxe do Cristo resucitado, unha composición que busca transmitir o carácter solemne e simbólico destas celebracións.

Pechou a rolda de intervencións o alcalde de Noia, Fran Pérez, quen destacou que a Semana Santa noiesa transcende amplamente o carácter relixioso da festividade. O rexedor subliñou o seu importante impacto social e económico para a vila, ao atraer cada ano a numerosos visitantes.

Neste sentido, reiterou o compromiso e a colaboración do Concello coa organización desta celebración e animou á veciñanza da contorna e aos visitantes a participar nunha Semana Santa que, segundo indicou, “pola súa calidade, pola súa importancia e pola súa tradición, atópase xa entre as grandes a nivel galego”.

As celebracións comezarán o 27 de marzo (Venres de Dores) ás 20.00 horas coa misa solemne pola Virxe das Dores e a posterior procesión. O Domingo de Ramos (29 de marzo) celebrarase ás 12h a tradicional Bendición dos Ramos na praza do Tapal, coa procesión da Borriquita. Ás 17.45 horas do domingo celebrarase a procesión do Ecce Homo, con saída de San Francisco, e con pregón en San Martiño e regreso.

O 1 de abril, Mércores Santo, o Vía Crucis comezará ás 21.30 horas (coa procesión do Cristo da Misericordia). O 2 de abril, Xoves Santo, celebrarase ás 20.00 horas a Cea do Señor, coa Procesión das Carracas (ás 23h, Hora Santa). O 3 de abril, Venres Santo, as celebracións comezarán ás 10.30 horas co Santo Encontro no Curro e coa procesión. Polo serán, ás 20h, celebrarase A Paixón (Desencravo, Procesión do Santo Enterro e Virxe da Soidade).

O 4 de abril (Sábado Santo) celebrarase ás 22h a Vixilia Pascual (San Martiño e San Francisco). O 5 de abril, (Domingo de Pascua) está programada a Procesión do Resucitado ás 11h (con saída da Capela de San Bernardo até San Martiño) e ás 12 celebrarase a misa solemne de Pascua.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.