A mostra MICE proxecta este mércores “A voz de todas as cousas” de Daniel Pérez Silva, cineasta de Boiro

09 Marzo 2026

A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego (MICE) acolle o mércores 11 de marzo, ás 20:30 horas no Teatro Principal, a proxección da nova curtametraxe do cineasta boirense Daniel Pérez Silva, dentro da Sección Galicia da XXI edición do festival. Con 20 minutos de duración, A voz de todas as cousas constrúe un retrato sensorial da Coruña, montado cunha cadencia prodixiosa. Como nun concerto de jazz —e como na vida mesma—, a película foxe dos rigores academicistas e das narrativas convencionais: as súas notas son libres e vibran ata o amencer.

Daniel Pérez Silva é director graduado en Realización pola Escola de Imaxen e Son da Coruña. Ao longo da súa traxectoria escribiu e dirixiu varios curtametraxes seleccionados en numerosos festivais estatais e internacionais. Na actualidade compaxina o desenvolvemento dos seus propios proxectos —de carácter marcadamente experimental— co traballo nos departamentos de dirección e cámara en distintas producións audiovisuais.

As entradas poden adquirirse na billeteira da Zona C e, dende unha hora antes da proxección, no propio Teatro Principal.

A sesión forma parte da Sección Galicia, que reúne algunhas das voces e direccións máis singulares do cinema galego contemporáneo. Xunto a Furada Negra, proxectaranse tamén El cuerpo de cristo, de Bea Lema; Alboroque, de Sabrina Fernández Casas; A voz de todas as cousas, de Daniel Pérez Silva; e La historia todavía no conoce mi nombre, de Diana Toucedo.

Un festival para pensar o cinema e o territorio

Dende a súa creación, a Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego consolidouse como un dos espazos de referencia para o cinema etnográfico e a antropoloxía visual no ámbito estatal. A programación desta edición reforza esa identidade, situando o festival como un lugar de encontro entre creación cinematográfica, investigación e pensamento crítico arredor das formas de representación do territorio e das comunidades.

A XXI Mostra Internacional de Cinema Etnográfico está organizada polo Museo do Pobo Galego e conta co apoio do Concello de Santiago de Compostela, a Deputación da Coruña, a Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) da Xunta de Galicia e Acción Cultural Española (AC/E).

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.