A conselleira do Mar, Marta Villaverde, respondeu este mércores 25 de febreiro no pleno do Parlamento de Galicia a unha interpelación sobre a situación do marisqueo na ría de Muros e Noia, na que puxo en contexto os efectos dos recentes episodios de choiva intensa e explicou as actuacións que está a desenvolver a Xunta para avaliar o seu impacto real sobre os bancos marisqueiros.

Na súa intervención, a titular de Mar lembrou que “Galicia xa viviu unha situación semellante en decembro de 2023, cando un período prolongado de precipitacións provocou tamén descensos acusados de salinidade nas rías, con afeccións sobre os recursos marisqueiros”.
Dixo que a Xunta “foi a única administración que despregou medidas de apoio ao sector” e que “unha experiencia acumulada naquela campaña permite afrontar o escenario actual con maior coñecemento técnico e capacidade de resposta”.
Villaverde explicou que os datos recollidos polas estacións de control do Observatorio Costeiro de Galicia evidencian que o episodio actual “presenta características excepcionais, tanto pola intensidade como pola duración das choivas”.
Así, sinalou que en determinadas zonas do litoral galego foron rexistrados valores de salinidade “moi inferiores aos habituais durante varios días consecutivos”, unha circunstancia que pode comprometer a supervivencia dos bivalvos máis sensíbeis a estes cambios ambientais.
A conselleira sostivo que a Administración autonómica “activou o seguimento técnico a través dos biólogos de zona e das asistencias técnicas das confrarías, cuxos traballos de mostraxe e análise xa están en marcha e prolongaranse durante as vindeiras semanas, co obxectivo de coñecer con precisión o alcance das afeccións banco a banco”.
Villaverde insistiu en que “resulta prematuro cuantificar danos ou anunciar medidas concretas adicionais”, porén, reiterou que “a Xunta mantén un contacto permanente co sector, no marco dun modelo de cogobernanza, para analizar a evolución da situación e avanzar, cando haxa datos consolidados, no deseño das actuacións máis axeitadas de apoio ás persoas mariscadoras”.
Dixo tamén que o Goberno galego “vén impulsando distintas liñas de apoio ao marisqueo orientadas á adaptación aos efectos do cambio climático, ao reforzo do coñecemento científico e á recuperación dos bancos”.



