Ribeira conmemora unha nova edición da Semana de Rosalía de Castro cunha ampla programación cultural e educativa

21 Febreiro 2026

Como xa é tradición, a última semana de febreiro converterá Ribeira nun gran espazo de homenaxe á figura de Rosalía de Castro. O Concello vén de presentar unha programación diversa e transversal, pensada para todos os públicos, que combina actos institucionais, propostas educativas, actividades culturais e mesmo iniciativas gastronómicas para lembrar o legado da autora.

Os actos darán comezo o vindeiro 23 de febreiro, coincidindo coa data do nacemento da poeta. Ás 12.00 horas celebrarase unha homenaxe pública nos exteriores da Casa da Xuventude, aberta á participación da veciñanza. Durante o acto procederase á plantación simbólica dunha roseira na súa memoria, nun xesto que quere representar a vixencia da súa obra e o seu enraizamento na cultura galega. A convocatoria estará acompañada polo son da gaita, que interpretará unha alborada como chamada ao público asistente, e concluirá coa interpretación do Himno Galego tras os discursos institucionais.

Ese mesmo día, a Biblioteca Pública Municipal de Ribeira acollerá unha exposición bibliográfica dedicada á escritora, coa finalidade de achegar á cidadanía unha mostra representativa da súa obra e dos estudos arredor da súa figura, promovendo así o coñecemento do seu legado literario e social.

O “Caldo de Gloria” suma á hostalería local

A conmemoración contará tamén coa implicación do sector hostaleiro local a través da iniciativa “Caldo de Gloria”, impulsada pola Fundación Rosalía de Castro. Os establecementos A Recoveira, O Castelao, Tagen Ata, Cocoluche e Zum-Zum ofrecerán esta tapa de balde á súa clientela, sumándose así a unha proposta que cada ano gaña máis adeptos e contribúe a popularizar a celebración nun ambiente festivo e participativo.

Protagonismo escolar e concerto de Uxía

A programación continuará o mércores 26 de febreiro cunha destacada actividade dirixida ao público escolar. Ás 11.30 horas, o Centro Cultural Lustres Rivas acollerá o concerto “Rosalía pequeniña”, a cargo da recoñecida artista Uxía Senlle. Arredor de 500 alumnos e alumnas de 1º a 3º de primaria dos centros educativos de Ribeira asistirán ao espectáculo acompañados polo seu profesorado.

Como parte do traballo previo nas aulas, o alumnado está a memorizar o poema “No bico un cantar”, que será interpretado de maneira conxunta durante o concerto. Ademais, parte dos nenos e nenas subirán ao escenario para compartir actuación coa artista, nunha experiencia que pretende reforzar o vínculo da infancia coa lingua e a literatura galegas. Durante o acto repartiranse chapas conmemorativas e cada participante levará para a casa un mantel individual do “Caldo de Gloria”, facilitado pola Fundación.

Xa pola tarde, ás 20.00 horas, o mesmo auditorio acollerá a tradicional lectura pública dos versos de Rosalía, un dos momentos máis emotivos e agardados da semana. A iniciativa, organizada en colaboración co Grupo Municipal de Teatro de Ribeira, está aberta á participación de todas aquelas persoas que desexen sumarse a esta homenaxe colectiva arredor da palabra poética.

Peche familiar con “Dende Rosalía”

A Semana de Rosalía culminará o sábado 28 de febreiro cunha proposta pensada para o público familiar. Ás 12.00 horas, o Centro Cultural Lustres Rivas será escenario do espectáculo “Dende Rosalía”, da compañía A Xanela do Maxín, dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos e ás súas familias.

A través da narración oral, a proposta ofrece un percorrido polas autoras homenaxeadas no Día das Letras Galegas desde 1963, achegando a literatura galega ás novas xeracións dun xeito didáctico, participativo e adaptado á súa idade. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición no correo electrónico normalizacion@ribeira.gal.

Con esta completa e variada programación, o Concello de Ribeira reafirma o seu compromiso coa promoción da lingua e da cultura propias, convertendo un ano máis a cidade nun punto de encontro arredor da figura e do legado universal de Rosalía.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.