O río Tins consolídase como un laboratorio vivo de sustentabilidade

28 Febreiro 2026

A renaturalización fluvial, a mellora do bosque de ribeira e o fomento da biodiversidade do río Tins ao seu paso polo núcleo urbano de Outes son os obxectivos cos que naceu Renatur_Outes, un proxecto que acaba de presentar na Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago os resultados dunha intervención que logrou restaurar 2 quilómetros de curso fluvial e mobilizar máis de 600 persoas voluntarias.

Presentación na USC nunha imaxe de Santi Alvite

A xornada en Bioloxía inaugurouna Inés Gusman, directora do Centro de Estudos Rexionais (CEER), para quen “iniciativas como Renatur_Outes abren camiño cara a un territorio con máis biodiversidade, no que a restauración ecolóxica actúa como motor de transformación territorial e benestar colectivo”.

Na sesión participaron tamén Ángeles Piñeiro, membro do grupo ANTE e coordinadora do proxecto na USC; Miguel Serrano, do Departamento de Botánica da USC; Jonatan Rodríguez Parra, da área de ecoloxía da USC; Inés Gusman, directora do Centro de Estudos Rexionais (CEER); Carmen Fabregat, da Universidade da Coruña; Luis González, da de Vigo; e Joám Evans, da Fundación Montescola.

Ao longo dos tres anos de intervención lográronse restaurar máis de 20.000 m² de áreas verdes e máis de 4 km de río limpo. Xeráronse 300 m² de illas de biodiversidade e implicáronse máis de 800 persoas en procesos de gobernanza e participación social. Ademais, tal e como explicou Ángeles Piñeiro, destaca a Declaración de Dereitos do río Tins acadada o 1 de marzo de 2024 que o consolidou como o primeiro río con dereitos de España.

“Os resultados do proxecto son físicos, pero a participación activa da comunidade local é un dos logros máis importantes. As asociacións de veciños, fundacións que traballan no territorio e o alumnado foron clave nestas accións de concienciación e recuperación do río”, manifestou.

Na xornada presentáronse os avances en biodiversidade e ecoloxía e analizáronse as diversas actuacións realizadas para a mellora da conectividade do leito fluvial, recuperación do bosque de ribeira e o control de especies invasoras como as distintas acacias presentes (Acacia dealbata e Acacia melanoxylon), a Tradescantia fluminensis ou as plantas do xénero Crocosmia. Estas accións permitiron reducir a presión das invasoras e favorecer a rexeneración da vexetación autóctona de ribeira.

Renatur_Outes estivo coordinado polo Centro de Estudos Eurorrexionais (Fundación CEER) e liderado polo Concello de Outes, e contou coa participación de persoal investigador das tres universidades públicas galegas, así como de Montescola.

Dende a USC, o IDEGA colaborou nos traballos preliminares sobre os riscos de inundación na área de estudo do proxecto. A iniciativa contou co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resilencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – Next GenerationEU.
 

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

“Escoitar o vento”. Xosé Antonio López Silva

Cando a secretaria da Academia Sueca a chamou para comunicarlle a concesión do Nobel de Literatura, Anne Carson estaba en Islandia, segundo dixo, escoitando o vento. Aos setenta e seis anos, unha muller que viviu de ensinar grego antigo, traduciu a Safo e deulle nova...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.