O MUGART (Museo do Gravado de Artes) publicou as bases do XVII Premio Atlante de Gravado, prestixioso certame impulsado polo museo ribeirán e cuxo prazo para a presentación de obras estará aberto até o 31 de maio de 2026. Poderán participar artistas nacionais e estranxeiros e os gravados serán inéditos e non deben ter sido editados nin numerados. Os premios outorgados traen consigo a edición das obras premiadas en 25 exemplares e máis dúas probas de artista e a súa entrega á Fundación Museo de Artes.
Establécense os seguintes galardóns:
1 Premio Atlante: Ramiro Carregal Rey, dotado con 5.000 €.
1 Premio Atlante: Pilar Seoane Sánchez, dotado con 2.500 €.
2 Premios Atlante: Concello de Ribeira, dotados con 2.500 € cada un.
1 Premio Atlante: CONGALSA, dotado con 2.500 €.
1 Premio Atlante: Pedras de Santiago para un artista nacido ou residente en Galicia, dotado con 2.500 €.
1 Premio Altante: Manuel Ayaso para artistas menores de 25 anos na data da convocatoria do premio, dotado con 2.000 €.
O xurado estará formado por José Daniel Buján, padroado da FMAG, Alfonso Costa, pintor e gravador, Carmen Hermo, doutora en Belas Artes e gravadora, Juan Monterroso Montero, Universidade de Santiago de Compostela, Jose Manuel López Vázquez, Universidade de Santiago de Compostela, Isabel Pintado, pintora e gravadora, e Soledad Penalta, académica da Real Academia Galega de Belas Artes.




