
A IV edición do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, convocado polo Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, xa ten obra gañadora. O xurado outorgou a distinción á creación Alén do azul, do compositor coruñés Teo Montero Rey. O galardón, que implica unha achega económica de 4.000 euros, suporá tamén a estrea absoluta da obra durante a celebración da 13ª edición do Noia Harp Fest, que decorrerá do 29 de xullo ao 1 de agosto, da man da Real Filharmonía de Galicia.
O Premio Portus Apostoli é un certame posto en marcha no ano 2021 polo Noia Harp Fest -o único festival do noroeste peninsular dedicado ao instrumento-, que pretende ampliar o repertorio existente para de obras para arpa e orquestra. Nesta cuarta edición, convocada o pasado mes de maio, o concurso recibiu un total de nove propostas, todas elas chegadas de cinco países europeos e de Estados Unidos.
O tribunal, conformado polo compositor Fernando Buide -que exerceu de presidente do xurado-, o director de orquestra Fernando Briones, a arpista da OSG Céline Landelle e a arpista Alba Barreiro -como secretaria sen voto-, decidiu declarar gañadora a obra de Montero Rey “pola súa escritura orquestral, moi sólida e orgánica, con texturas interesantes e contrastes instrumentais. A parte de arpa é moi variada e utiliza tecnicamente moi ben o instrumento. Estruturalmente conta cunha boa narrativa musical, unha cadencia de arpa e un clímax orquestral constrúen un arco dramático final moi coherente”, apunta o xurado do Portus Apostoli.
Teo Montero Rey (A Coruña, 2005) é compositor e pianista que estudou no CMUS de Culleredo e no Conservatorio Superior de Música ‘Eduardo Martínez Toner’ do Principado de Asturias. Na súa traxectoria, suma diversos recoñecementos, como o Primeiro Premio do I Concurso Intercentros-Melómano de Composición Fundación SGAE, o IV Concurso Internacional de Composición Coral ‘Xogos Tonais’, o III Concurso de Composición Coral EVG e do 7º Concurso de Composición del CONSMUPA.

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa 13ª edición do 29 de xullo ao 1 de agosto deste 2026. O evento cultural regresará este verán ás rúas e recintos singulares da localidade coruñesa para descubrir ao público novas sonoridades e propostas artísticas chegadas tanto de Galicia como de diferentes países de Europa, África e América.
Noia Harp Fest é unha cita clave no calendario musical do verán galego, pois é a única cita de todo o noroeste peninsular que se dedica, exclusivamente, a fiar a súa programación a través da interpretación musical dun único instrumento: a arpa. Cunha ducia de edicións ás costas, polos seus escenarios pasaron algunhas das mellores arpistas das últimas décadas, como tamén as xeracións máis novas das escolas de Galicia.
A 13ª edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia está organizada por Nalgures Producións, baixo a dirección da asociación Noia Harp Fest, e conta co apoio institucional do Concello de Noia, Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia, e de Acción Cultural Española AC/E, ademais da colaboración da Deputación da Coruña.



