
O Concello de Boiro recibiu da Deputación da Coruña unha subvención por importe de 26.922’50 euros para a coordinación e dinamización do espazo Lab Barbanza de Boiro, espazo de traballo e emprendemento colaborativo e emprendedor. Esta axuda recibida por parte da institución provincial está destinada a financiar a asistencia técnica que ofrece servizos de asesoramento e acompañamento ás empresas instaladas no espazo, así como a aquelas que desexen formar parte do coworking e que conten cun proxecto empresarial en fase de incubación ou preincubación.
O espazo Lab Barbanza conta con viveiro de empresas e zonas de traballo colaborativo e está situado no Centro de Formación, Innovación, Emprego e Emprendemento. Trátase dun centro multidisciplinar no que, ademais de espazos de traballo, hai aulas obradoiro, aulas de informática e espazos de lecer.
Os obxectivos desta subvención son, ademais de prestar asesoramento aos proxectos emprendedores que desenvolven a súa actividade no centro, levar a cabo actividades de dinamización do espazo, xornadas de colaboración coas actividades formativas que se desenvolven no centro co obxectivo de estimular o espírito emprendedor do estudantado e campañas de difusión do propio espazo.
As solicitudes para o espazo Lab Barbanza están abertas durante todo o ano e poden facerse presentando a correspondente solicitude no Rexistro Xeral ou sede electrónica do Concello de Boiro.





