O BNG leva ao Parlamento e ao Congreso a recuperación integral da contorna da Ribeiriña

20 Febreiro 2026

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Parlamento de Galicia unha Proposición non de lei coa que insta o Goberno galego a actuar con urxencia para erradicar a contaminación e culminar a recuperación do litoral da Ribeiriña, na Pobra do Caramiñal.

A iniciativa, presentada pola deputada Rosana Pérez, chega despois de que a Consellaría de Medio Ambiente confirmase novas filtracións de hidrocarburos procedentes dos terreos da antiga conserveira Onza de Oro, un ano despois dos vertidos detectados en xaneiro de 2025 e denunciados pola veciñanza.

O BNG lembra que foi o Estado quen executou as primeiras actuacións de rexeneración no dominio público marítimo-terrestre da Ribeiriña, polo que considera que tamén debe asumir a responsabilidade de corrixir as deficiencias e eliminar o foco de contaminación. A formación nacionalista anunciou que tamén trasladará a demanda ao Congreso dos Deputados.

Malia recoñecer os avances feitos desde 2011, o BNG considera que as actuacións realizadas non foron suficientes para garantir unha recuperación integral. Segundo a portavoz municipal, Amparo Cerecedo, o principal obstáculo segue a ser a antiga nave industrial de HADASA, situada en solo privado e en estado de avanzado deterioro. “Sempre defendemos que este edificio debe ser adquirido e demolido para crear un espazo de uso e desfrute público”, subliñou, lembrando que a competencia corresponde á Xunta de Galicia.

Co obxectivo de desbloquear a situación, o BNG presentou unha emenda aos Orzamentos da Xunta para 2026 propoñendo unha partida de 1,2 millóns de euros destinada á compra da nave de HADASA e á continuidade das obras de rexeneración. A proposta foi rexeitada polo Partido Popular.

A través desta iniciativa, o BNG demanda ao Goberno galego a elaboración dun proxecto de recuperación definitiva do bordo litoral, que inclúa a adquisición e demolición da antiga factoría, e ao Executivo estatal a adopción de medidas para conter os vertidos e colaborar coa Demarcación de Costas a fin de dedicar os terreos de HADASA a usos públicos.

Desde o partido nacionalista destacan que a recuperación da Ribeiriña é unha cuestión de “responsabilidade institucional e de xustiza ambiental” coa veciñanza da Pobra do Caramiñal, que leva décadas soportando unha situación de deterioración e abandono no seu litoral.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.