O Concello de Porto do Son desenvolveu este mes de traballo unha intensa liña de traballo no acondicionamento e posta a punto das fontes dos diferentes núcleos das parroquias, moitas delas de gran valor histórico e moitas delas afectadas (elas mesmas ou a súa contorna) polas intensas chuvias deste inverno.

Leváronse a cabo tarefas de limpeza e acondicionamento na parroquia de Noal, actuando nos lugares de Agrelo e Noal; con especial atención ás zonas de accesos e comúns e as contornas naturais das fontes do lugar.

Seguindo coas tarefas de limpeza e acondicionamento na parroquia de Nebra, actuouse nos lugares de Castrallón, Coira, a Pedra do Lobo e Resúa, poñendo o foco en áreas de tránsito e comúns e, tamén, nas contornas naturais das fontes do lugar.

Na parroquia de Nebra tamén se traballou nos lugares de Cans, Puílla e Nebra.

Ademais, a Consellería de Medio Ambiente, a través de Augas de Galicia, está a executar actuacións de conservación e mantemento fluvial en preto de 11,5 quilómetros en varios ríos ao seu paso polo concello de Porto do Son. As tarefas desenvólvense en diferentes tramos dos ríos Hornanda, Igrexa, Sandián, Sancho, Cans, Quintáns, Chico, Corzo, Caamaño e Sieira, así como en varios regos innominados.
Os traballos, que se prolongarán durante 22 semanas, consisten na retirada de árbores caídas e biomasa presente na canle fluvial para evitar atoamentos e tamén rozas puntuais e selectivas nos accesos á canle. Tamén se eliminarán especies exóticas invasoras. Unha vez finalizadas as obras programadas polo organismo hidráulico dependente do Executivo galego, estes tramos fluviais quedarán despexados de maleza, posibilitando así a circulación fluída das augas.




