En Muros proseguen estes días os traballos dos operarios da brigada municipal dirixidos a acondicionar vías, camiños e infraestruturas, co obxectivo de incrementar a seguridade (de vehículos e viandantes), a conservación e a limpeza.
Recentemente a Brigada de Obras do Concello de Muros realizou traballos de mantemento na parroquia de Louro. Entre outras tarefas, comezaron a semana reparando fochancas no firme na Lavandeira, Cuchariños, Sabila, A Moreira, As Laxas, San Roque e Pallagueira. Ao día seguinte (este martes) estiveron na Pallagueira, Saseiras, o Campo e o acceso á corredoira do Mestre.
Ademais, se o tempo o permite continuarán traballando esta semana na estrada de Taxes a Ventín.

“O inverno foi moi duro de choivas e temporais e no concello somos conscientes de que hai moitas estradas con fochancas e necesidades de mantemento”, explicou a concelleira de Obras, Laura Rivadeneira, que asegura que “se o tempo o permite, nas próximas semanas vanse facer labores de rebacheo e acondicionamento en todas as parroquias de Muros”.





