LPC. A noite de murgas do Entroido de Ribeira volveu demostrar que a tradición local nada ten que envexar ao Entroido de Cádiz en enxeño, sátira e capacidade de mobilización do público. No mesmo escenario que unhas horas antes acollera o multitudinario concerto de King África, as agrupacións ofreceron un espectáculo marcado pola retranca, a actualidade política e o humor máis dorneiro.

Un dos elementos que fixo especial a velada foi a presenza como mestres de cerimonias de dous dos creadores do podcast de comedia en galego Todo Mal, coñecidos nas redes como @carla_numo e Telejaita, que imprimiron o seu humor característico á condución da gala. Nun ton distendido chegaron a comentar que “Xogo de Tronos non foi tan sanguinario coma esta canción”, arrincando as risas do público.
Actuacións infantís e reivindicación adulta
No apartado infantil participaron a Asociación Cultural Alfa, Zootopia de Ribeira, a Escola de Baile Tomasón e o circo da Asociación Cultural Habeira, que puxeron sobre o escenario cor, fantasía e moita ilusión.
Na categoría de adultos (a partir de 16 anos), a primeira actuación correu a cargo de Aquelarre, que pechou o seu número cunha copla reivindicativa sobre diferentes problemáticas da cidade: a violencia, os roubos, a situación do polígono industrial, os salarios baixos e a sensación de decadencia. O número rematou cun coro repetindo a pregunta “E Ribeira que fará?”, aínda que parte da mensaxe non puido escoitarse con claridade por problemas de son.
A segunda comparsa apostou por unha posta en escena inspirada na estética de Xogo de Tronos. Porén, tras desprenderse das capas, os integrantes revelaron unha caracterización satírica do actual equipo de goberno municipal, coa figura da alcaldesa como “raíña” e dous cativos representando o anterior goberno, nunha escena na que se escenificaba a retirada do bastón de mando. A peza incluíu referencias críticas á votación do festivo dorneiro fronte ao Carmen e rematou coa frase “Amigos para sempre, tras unha cana”. Foi a actuación máis ovacionada, con proclamas e comentarios do público coreando o nome da “raíña de Ribeira”.
A terceira agrupación destacou por unha coidada coreografía e vestiario, cunha posta en escena que lembraba aos grandes musicais da rúa do Callao madrileño e coros interpretados en perfecto inglés.

A retranca da Dorna
O broche final púxoo a Real e Ilustre Confraría da Dorna, cunha parodia da coral de Ribeira en clave de murga, reinterpretando pezas coñecidas con letras satíricas e referencias á actualidade local, nun exercicio de humor moi celebrado entre o público máis dorneiro.
A gala estivo marcada por momentos de contraste entre o silencio expectante das primeiras filas e o entusiasmo do fondo da carpa, nun ambiente intenso pero festivo. A noite culminou coa entrega de premios e coa valoración do público, pechando unha xornada que confirmou o vigor e a personalidade propia das murgas ribeirenses dentro do Entroido.
Luís Pérez Crujeiras



