O Museo Diocesano de Santiago abre as súas portas en San Martiño Pinario para preservar e difundir o patrimonio da Arquidiocese

08 Xaneiro 2026

O Arcebispado de Santiago e a Fundación Catedral de Santiago inauguraron este xoves o Museo Diocesano de Santiago, unha institución longamente esperada que abre as súas portas no conxunto histórico do mosteiro de San Martiño Pinario, a escasos metros da Catedral. O novo museo nace coa vocación de conservar, estudar e difundir o rico patrimonio histórico-artístico da Arquidiocese compostelá.

O acto inaugural tivo lugar ás 12.00 horas e comezou cun percorrido polos novos espazos expositivos, para continuar posteriormente na igrexa de San Martiño Pinario, integrada no itinerario museístico. O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, e o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, declararon oficialmente inaugurado o museo, impulsado no marco do programa Compostela Sacra.

Á cerimonia asistiron, entre outras autoridades, o arcebispo emérito, monseñor Julián Barrio; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, José López Campos; o conselleiro de Facenda, Miguel Corgos; o subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, así como representantes de institucións civís e militares.

Un enclave de gran valor histórico

A elección de San Martiño Pinario como sede do Museo Diocesano responde ao seu excepcional valor histórico e artístico. O antigo mosteiro benedictino, un dos maiores conxuntos arquitectónicos de Galicia e de España, ten a súa orixe nos inicios da Compostela medieval, vinculados ao descubrimento do sepulcro do Apóstolo Santiago no século IX. A igrexa actual, construída no século XVI, é un dos grandes referentes do barroco compostelán.

Entre as obras máis destacadas do templo atópanse o retablo maior, considerado unha dos cumios do barroco galego, e a monumental sillería de coro realizada por Mateo de Prado no século XVII. Todo este patrimonio intégrase agora no discurso museístico, que combina arquitectura, arte e espiritualidade nun relato unitario.

Un proxecto longamente gestado

A apertura do Museo Diocesano culmina un proxecto concibido hai máis de tres décadas. Xa nos anos noventa expúxose a posibilidade de destinar estes espazos a uso museístico, que durante anos acolleron exposicións temporais. Tras un prolongado proceso de planificación e adecuación, o museo abre agora como primeira fase dunha iniciativa deseñada con vocación de crecemento a longo prazo.

“O museo nace cunha formulación flexible e dinámica” , sinala Ramón Yzquierdo, director do Museo da Catedral de Santiago e unha das figuras clave do proxecto dentro de Compostela Sacra. O discurso expositivo articúlase desde unha perspectiva iconográfica, o que permite renovar e adaptar a presentación das pezas segundo criterios de conservación, seguridade ou investigación.

Horarios e entradas

O Museo Diocesano abre ao público de luns a venres en horario de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas, e os sábados de 10.00 a 14.00 horas. Ofrece visitas guiadas tanto pola mañá como pola tarde.

Forma parte do programa Compostela Sacra, o que permite adquirir entradas combinadas co Museo Catedral e o Museo da Colexiata de Sar, ademais da opción de visita individual. As entradas poden adquirirse en despacho de billetes, na web museodiocesano.gal e tamén a través de catedraldesantiago.es, onde se ofrece información adicional e materiais descargables como guías de visita.

Coa súa apertura, o Museo Diocesano de Santiago non só amplía a oferta cultural da cidade, senón que contribúe a completar o relato do patrimonio galego, dando visibilidade a un legado disperso e, en moitos casos, pouco coñecido. Un novo espazo que enlaza tradición e contemporaneidade no corazón histórico de Compostela.

Outros artigos

Unha fronte fría deixará chuvias e un descenso térmico este domingo

A nubosidade irá en aumento dende a mañá pola fachada atlántica, con precipitacións máis probables na Coruña, as Rías Baixas e a Mariña As temperaturas máximas experimentarán unha baixada moderada, mentres que as mínimas tenderán a subir A chegada dunha fronte fría...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.