O Museo Catedral de Santiago pecha 2025 con récord histórico de visitantes

19 Xaneiro 2026

O ano 2025 pechouse cun total de 446.518 visitantes no Museo Catedral de Santiago, o que supón un incremento do 4 % con respecto a 2024 e marca unha nova marca histórica de afluencia. Estas cifras inclúen o conxunto de modalidades de visita organizadas polo Museo, que abarcan tanto as salas e espazos da colección permanente como as visitas guiadas ás cubertas e á Torre da Carraca, ao Pórtico da Gloria e ao conxunto monumental da Colexiata de Sar, xestionado pola Fundación Catedral desde 2016 a través do programa Compostela Sacra.

Como principal novidade do ano, destaca a apertura parcial do Museo Diocesano, situado no antigo mosteiro de San Martín Pinario, tamén integrado en Compostela Sacra, coa posibilidade de entrada combinada ao museo diocesano e ao catedralicio. Este novo espazo cultural abriu as súas portas na primavera de 2025 coas visitas á igrexa e a sancristía, e ampliou o seu percorrido durante o verán coa apertura das salas das tullas e o coro alto. Desde este mes, o Museo Diocesano xa pode visitarse na súa totalidade.

Por modalidades, sobresae o crecemento das visitas nocturnas, que aumentaron un 17 % con respecto ao ano anterior. Trátase dunha tipoloxía cada vez máis demandada, que permite un mellor coñecemento da Catedral e da súa historia a través de percorridos guiados nun ambiente máis tranquilo.

Durante 2025, o Museo reforzou tamén a súa presenza en redes sociais, coa emisión de vídeos en directo de visitas a espazos singulares e a difusión de pezas audiovisuais breves dedicadas a distintos aspectos das coleccións artísticas da Catedral, todos eles dispoñibles na súa canle de YouTube.

No ámbito educativo, preto de 13.000 escolares participaron ao longo do ano nos programas didácticos do Museo, unha área que se vén potenciando coa creación de novos materiais e actividades dirixidas a alumnado e profesorado. En concreto, grazas á colaboración da Deputación da Coruña, desenvolveuse un programa de visitas guiadas centradas na figura do Mestre Mateo, con recursos adaptados a cada idade, dispoñibles para os centros educativos a través da web museocatedraldesantiago.gal. Así mesmo, organizáronse visitas didácticas ao Musar – Museo Colexiata de Sar, para dar a coñecer a figura do arcebispo Bernardo II, do século XIII, cuxo sepulcro é o máis antigo conservado dun prelado compostelán.

Estes datos confirman a consolidación do proxecto cultural impulsado pola Fundación Catedral de Santiago, baseado nun traballo continuo de conservación, estudo e difusión do patrimonio xacobeo.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“La guerra como negocio de la atrocidad”. Alberto Barciela

“La guerra como negocio de la atrocidad”. Alberto Barciela

Asistimos en el tablero de Oriente Próximo a una representación dramática de la discordia entre la moral y la política. El conflicto que involucra a Irán y sus vecinos pone de manifiesto cómo el moralista político -aquel que forja una moral ad hoc para...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.