
A Asociación Francisco Lorenzo Mariño, con sede en Aguiño, organiza os días 23, 24 e 25 de xaneiro a XXI edición da Semana Cultural Francisco Lorenzo Mariño. Nesta ocasión ao igual que os vinte e un anos anteriores, haberá actividades para todas as idades, comezando o venres 23 coa xornada cultural a cargo de Pastor Rodríguez Santamaría, filólogo e coordinador da Asociación Barbantia, ademais de director do Museo do Gravado de Artes, sobre as escritoras e escritores do concello de Ribeira e en especial da parroquia de Aguiño, baixo o título Letras Galegas no Concello de Ribeira, de Aguiño a Palmeira. Pastor Rodríguez baseará o relatorio no seu libro Dicionario de escritores ribeirenses pero con datos actualizados a día de hoxe.
Deseguido haberá unha actuación do grupo de cantareiras As Sete Linguas dirixidas por Manola Valiño e pertencente á asociación que leva o nome do párroco Francisco Lorenzo Mariño, que interpretarán os seus últimos temas onde elementos da etnografía popular, como latas de conserva, botellas, culleres, etc cobran protagonismo xunto a pandeiretas e pandeiros recuperando sons e melodías da nosa música tradicional. Rematará a xornada cun pequeno ágape. Toda a actividade este ano será na Casa do Mar de Aguiño, no seu salón de actos, situada no porto desta parroquia, debido a que o conservatorio segue en obras.
Segundo informaron Elvira Pisos e Unai González, “o sábado teremos actos relixiosos de lembranza e aniversario do pasamento de Paco de Aguiño, Francisco Lorenzo Mariño, párroco fundador e que da nome á nosa entidade; primeiro unha ofrenda floral con lectura de manifesto acompañada de gaitas do país no cemiterio de Porto do Son, onde están os seus restos mortais dende o 17 de xaneiro de 2004; a continuación a misa do 22 aniversario do seu pasamento, na Igrexa Parroquial do Carme de Aguiño”. Tamén na Casa do Mar, ás 20 h, organizarase contada de humor Donas do lugar a cargo de María da Pontragha.
O domingo será a quenda para os máis pequechos da casa, tendo ás 17:30 h o espectáculo Con lingua propia do clown e humorista Peter Punk, tamén na Casa do Mar.
Todos os actos son de entrada de balde polo que facemos un chamamento á veciñanza, non só de Aguiño, senón de toda a contorna do Barbanza, a acudir aos mesmos.
“Queremos agradecer a colaboración do Concello de Ribeira, especialmente do departamento de Cultura, e da Deputación da Coruña para estes actos a través das súas liñas de subvencións; tamén das empresas colaboradoras co noso proxecto anual, non só con estes actos senón co conxunto de actividades de todo tipo que facemos ao longo do ano e sin as cales non sería posible a gratuidade dos mesmos; CONRESA, Farmacia David Mariño de Aguiño, Restaurante Hotel Punta Couso, Digar de Artes, Combustibles Puebla, FRIPUSA e Fabri Barbanza”, apuntaron Pisos e González no capítulo de agradecementos, estendéndoos a “todos os socios e socias a súa axuda, xa que máis de 300 familias, non só de Aguiño senón de todo o Barbanza e outras partes de Galicia, conforman a nosa entidade, e grazas tamén á veciñanza de Aguiño e a toda a xente que ano tras ano acude aos actos que organizamos xa que sin eles non tería sentido seguir sementando cultura”.





